A Asemblea Xeral da ONU boicotea Netanyahu e deixa Israel illado
Trump rexeita por primeira vez a anexión de Cisxordania
A inmensa maioría das delegacións estatais deixaron case baleira a sexta feira a Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU) tras entrar nela para a súa intervención Benjamin Netanyahu, primeiro ministro do Goberno ultradereitista de Israel.
Apenas a dos Estados Unidos e as dos poucos países que aínda apoian de forma explícita o réxime se mantiveron na sala, na que, a pesar das masivas evidencias de que está a perpetrar un xenocidio, unhas acusacións que veñen de ser ratificadas por unha comisión independente de investigación da ONU, Netanyahu reiterou que “é o contrario”, asegurando tamén que non causaron unha fame negra, algo que determinou que está a acontecer no norte de Gaza outro informe que foi avalado polo organismo internacional.
Amais, o líder sionista porfiou en que impedirán a creación dun Estado palestino independente, sinalando aos países que veñen de recoñecelo, como Francia, o Reino Unido ou o Canadá, que “será unha vergoña indelébel” para eles. Netanyahu, que se chegou a presentar como salvador do “mundo civilizado”, ten unha orde de detención na súa contra do Tribunal Penal Internacional (TPI) por crimes contra a humanidade no contexto do xenocidio en Gaza. Isto motivou que evitara sobrevoar de camiño a Nova York (Estados Unidos), onde se sitúa a sede da ONU, varios países de Europa ante o temor de que unha aterraxe forzosa derivase no seu arresto.
Cando incluso dentro do réxime hai consenso en que o único motivo de Netanyahu para continuar coa agresión é garantir a súa supervivencia política e non entrar en prisión sexa polo xenocidio ou polas acusacións de corrupción polas que está a ser xulgado, o primeiro ministro ordenou a entidades civís e aos militares que colocaran altofalantes na fronteira coa Faixa para difundir o seu discurso. Porén, a sexta feira confirmouse que tamén foron instalados polo Exército dentro do enclave para ser dirixidos ao pobo palestino, no que as autoridades castrenses definiron como unha “campaña de influencia”.
A intervención produciuse logo de que Donald Trump, presidente dos Estados Unidos, principal aliado e provedor armamentístico dos sionistas, puxera por primeira vez en público límites ás ambicións coloniais do réxime, que programaba anexionarse formalmente de maneira total ou parcial Cisxordania como resposta ao recoñecemento do Estado de Palestina por parte de aliados occidentais seus.
O propio Trump, que se verá con Netanyahu a próxima semana, non rexeitara esa posibilidade até a madrugada da sexta, cando sentenciou que “non permitirei que Israel se anexione Cisxordania”, insistindo en que “non vai suceder”. Non obstante, non sería a primeira vez que Washington pon liñas vermellas que os sionistas acabaron cruzando sen que se adoptaran represalias ou se cuestione o seu apoio.
De feito, Trump está plenamente comprometido coa negativa israelí a que tras a fin do xenocidio a Autoridade Nacional Palestina (ANP), que goberna Cisxordania, fique co control da Faixa, algo que Hamás aceptaría. Ao respecto, a súa última proposta, difundida polos xornais Financial Times e Haaretz, é que se forme unha Autoridade Internacional de Transición de Gaza que estaría a cargo do ex primeiro ministro británico Tony Blair, chave na invasión e ocupación estadounidense do Iraq ou na agresión militar da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) contra Iugoslavia, que en teoría acabaría por entregar o control á ANP.