Estados Unidos revoga o visado a Gustavo Petro tras manifestarse en Nova York a favor de Palestina

Gustavo Petro, durante a manifestación pro Palestina desta sexta feira en Nova York. (Foto: @petrogustavo)
"O que fai o Goberno dos Estados Unidos comigo rompe todas as normas de inmunidade nas que se basea o funcionamento das Nacións Unidas e a súa Asemblea Xeral", reprochou o mandatario colombiano.

Todo o que non siga o ditado de Donald Trump será censurado. Esta sexta feira o presidente de Colombia, Gustavo Petro, participou nunha manifestación polas rúas de Nova York -onde se atopaba con motivo da Asemblea Xeral da ONU- en apoio ao pobo palestino e contra o xenocidio que está a perpetrar Israel na Faixa de Gaza, unha acción que desatou o enésimo conflito diplomático na Casa Branca desde o retorno en xaneiro deste ano do polémico magnate.

Para o Departamento de Estado, que dirixe o republicano Marco Rubio, a participación de Petro na protesta foi unha "acción incendiaria e imprudente" que provocará a retirada do seu visado. "Hoxe cedo [pola sexta feira, no fuso horario dos Estados Unidos] o presidente colombiano, Gustavo Petro, parou nunha rúa de Nova York e instou os soldados estadounidenses a desobedecer as súas ordes e incitar á violencia", afirmaron desde a Administración a través das redes sociais.

A primeira reacción do lado colombiano chegou da man do ministro do Interior, Armando Benedetti, quen defendeu que "ao único ao que tiñan que quitar a visa era a [Benjamin] Netanyahu, pero como o Imperio o protexe, tómana co único presidente que foi quen de dicirlle a verdade na cara".

Posteriormente o propio Petro engadiu: "O que fai o Goberno dos Estados Unidos comigo rompe todas as normas de inmunidade nas que se basea o funcionamento das Nacións Unidas e a súa Asemblea Xeral. Hai total inmunidade para os presidentes que asisten á Asemblea e o Goberno dos EUA non pode condicionar a opinión dos EUA".

Tamén acusou Trump de incumprir o dereito internacional ao retirarlle o visado "por pedir ao Exército dos Estados Unidos e de Israel que non apoien un xenocidio", en alusión aos motivos esgrimidos polo Goberno estadounidense.

"Esta brigada debe ser máis grande que a dos Estados Unidos. Por iso aquí, desde Nova York, pido a todos os soldados do Exército dos Estados Unidos non apuntar contra a humanidade os seus fusís”, dixera anteriormente, durante a protetsa contra o xenocidio, cun megáfono ante un público atento.