Contundente maioría absoluta do nacionalismo corso, que aumenta en 20 puntos o seu apoio electoral

A segunda volta dos comicios deixa unha ampla vitoria para a coligazón de nacionalistas e independentistas ‘Pè a Corsica’, que logra 41 dos 63 escanos da Asemblea de Córsega.

córsega

En 2015 o nacionalismo corso era a forza máis votada nas eleccións rexionais da man de ‘Pè a Corsica`, con 35,3% dos apoios nas urnas, e pasaba por primeira vez gobernar nesta illa mediterránea de apenas 320.000 habitantes. Facíao en minoría, con 24 dos 51 deputados da Asemblea corsa para a coligazón de nacionalistas e independentistas.

Dous anos despois, na segunda volta das rexionais realizadas esta fin de semana, ‘Pè a Corsica’, logrou 56,5% dos votos (20 puntos máis que hai dous anos) e obtén maioría absoluta: 41 dos 63 escanos da Asemblea de Córsega. A coligazón de Gilles Simeoni e Jean Guy Talamoni ve así ratificada a aposta de unidade feita hai dous anos.

A forza nacionalista adiantou en 37 puntos á segunda máis votada, a rexionalista de dereitas, que atinxiu 18,2%. A lista apoiada polo presidente francés, Macron, logrou 12,6% e a dos Republicanos – dereita francesa- 12,5%. A abstención foi alta e abeirou 50%.

Os principais obxectivos do nacionalismo pasa por lograr un autogobernor eal para a illa e lograr a cooficialidade da lingua corsa. A amnistía para os presos políticos corsos e un estatuto de residente que poña couto á especulación na illa son outra das cuestións que a coligazón se marca como obxectivo. 

Comentarios