venres 25/06/21

Madrid recoñece a transmisión comunitaria da variante india

A Comunidade de Madrid confirma a transmisión comunitaria da cepa india na rexión, con 18 novos casos nesta semana e múltiples pendentes de secuenciar. A variante, máis contaxiosa que a británica, está a estenderse e o Goberno madrileño xa asume que será a cepa predominante no Estado español en cuestión de semanas. 
A variante india obriga as autoridades madrileñas a adiantar a segunda dose de AstraZeneca (Foto: R. Rubio  / Europa Press)
A variante india obriga as autoridades madrileñas a adiantar a segunda dose de AstraZeneca (Foto: R. Rubio / Europa Press)

Sen fechamento de comunidades, coas restricións ao mínimo no Estado español e en pleno chamamento da Administración galega a erguer a mobilidade e acoller visitantes, a Comunidade de Madrid vén de confirmar a transmisión comunitaria no seu territorio da variante india da Covid-19, que é 50% máis contaxiosa que a británica.

Madrid secuenciou un total de 22 casos desta variante, catro a semana pasada e dezaoito esta, ademais "doutros casos sospeitosos por confirmar", e prevé que se converta na cepa predominante nas próximas semanas no Estado español.

Así o indicou esta sexta feira, 11 de xuño, o viceconselleiro de Saúde Pública e Plan Covid-19 do Goberno madrileño, Antonio Zapatero, na rolda de prensa en que indicou que se prevé un avance desta variante como no Reino Unido.

Zapatero explicou que xa hai "transmisión comunitaria desta variante" na rexión e que esta cepa é perto de 50% máis transmisíbel que a británica, dominante actualmente no Estado español e que por iso en seis ou sete semanas podería remplazala. "Séguese e perséguese cada caso e faise un seguimento estreito, mais imaxinamos que a situación pode ser como a que tivemos en decembro e xaneiro coa británica", lamentou.

Alén da súa maior transmisibilidade, puxo o foco en que está a afectar especialmente a xente máis nova -que na súa maioría non está vacinada- e a aqueles que non recibiron ningunha dose ou non teñen a pauta completa da inmunización.

A cepa obriga a adiantar a vacinación con AstraZenca

Ante esta situación, a Comunidade de Madrid adiantou á semana 11 a administración da segunda dose da vacina de AstraZeneca contra o coronavirus ás persoas comprendidas entre 60 e 69 anos para completar a súa pauta.

Por outra banda, tamén sinalou que coa cepa  B.1.621, "antes denominada colombiana", confirmouse a chegada de 17 viaxeiros positivos procedentes deste país americano con "cargas virais altas", que chegaron a través do aeroporto de Madrid-Barajas.

O Constitucional podería anular as multas do estado de alarma

O confinamento domiciliario vixente no Estado español co primeiro decreto do estado de alarma é inconstitucional, segundo o parecer do maxistrado do Tribunal Constitucional Pedro Trevijano (do sector conservador) e que plasmou no proxecto de sentenza que redactou e que será sometido a votación no pleno do Constitucional o vindeiro 22 de xuño.

Para Trevijano o confinamento foi unha suspensión de dereitos fundamentais, e non só unha limitación destes, polo que considera que tería sido necesario declarar o estado de excepción e non o de alarma.

De o criterio ser apoiado pola maioría de maxistrados (o que parece probábel xa que a maioría é conservadora), as sancións impostas por saltar o confinamento e o estado de alarma quedarían anuladas. A orixe do debate figura no recurso presentado por Vox.

comentarios