Rajoy anuncia que destruirá máis emprego e subirá impostos

Nunha rolda de imprensa ateigada de viravoltas para evitar chamar as cousas polo nome, recoñeceu que o seu paso polo Goberno español deixará a taxa de desemprego tres puntos por riba de como a deixou o PSOE. Prorroga até 2015 a subida do IRPF que na campaña electoral prometeu non realizar


Malia evitar chamar as cousas polo nome, turrando dos eufemismos, e malia botar balóns fóra culpando a economía europea dos males que atinxen á xestión do Goberno español, o presidente deste, Mariano Rajoy, si tivo que recoñecer esta sexta feira dúas cuestións: dunha banda, que no que lle queda de lexislatura aínda se van destruír 1,3 millóns de empregos e, da outra, que aquel "recargo temporal de solidariedade", a subida do IRPF con que rachou a súa promesa electoral de non tocar os impostos (o IVE tampouco) e que remataría en 2013 agora prolongarase durante un ano máis.

Son os dous puntos que resumen a rolda de imprensa que seguiu o Consello de ministr@s desta sexta feira en que o Executivo español anunciou un plan de estabilidade que vai remitir a Bruxelas coas reformas previstas para os meses que veñen. As proxeccións máis negativas céntranse no eido laboral, onde o propio PP recoñece que non se vai crear emprego neto até dentro de dous anos. O paso de Rajoy pola Moncloa rematará en 2015 coa taxa de desemprego no 25,8%, tres puntos por riba de cando el entrou no goberno. 

O goberno que lidera Mariano Rajoy anunciou que a suba do IRPF se prorrogará durante un ano porque quere seguir recortando (déficit). Co mesmo obxectivo, mudará tamén o imposto de sociedades, suprimindo as deducións que afectan á base impositiva das grandes corporacións empresariais. Non subirá o tributo que grava os hidrocarburos nin aqueloutro que afecta á hosteleiría.

Porén, si que inaugurará "unha novidade impositiva" (máis un eufemismo) na fiscalidade medioambiental e nos depósitos da banca e procederá tamén ao "axuste dalgúns impostos" nos tributos especiais. Con todas estas medidas, o titular de Economía, Cristóbal Montoro, augurou que en 2015 haberá "taxas de crecemento positivo". Máis un eufemismo, desta volta un tanto peculiar, pois medrar en negativo semella pouco probábel.

Comentarios