O líder do ISIS, abatido nun operativo dos EUA en Siria

Lugar onde se ocultaba Abu Ibrahim al-Hashemi al-Quraishi (Foto: Exército dos EUA)
O Goberno dos Estados Unidos catalogouno de éxito malia as baixas, entres estas catro crianzas.

O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, anunciou na quinta feira que o asalto lanzado na noite da véspera no noroeste de Siria, na provincia de Idlib, saldouse coa morte do líder de Estado Islámico (ISIS), Abu Ibrahim al-Hashemi al-Quraishi.

"A pasada noite e baixo as miñas ordes, as forzas militares dos Estados Unidos no noroeste de Siria levaron a cabo de forma exitosa unha operación antiterrorista para protexer o pobo estadounidense e os nosos aliados e facer do mundo un lugar máis seguro", manifestou.

"Grazas ás capacidades e a valentía das nosas Forzas Armadas, sacamos do campo de batalla a Abu Ibrahim al-Hashemi al-Quraishi, o líder de Estado Islámico", engadiu Biden nun breve comunicado publicado pola Casa Branca tras a operación.

Nunha comparecencia posterior ante os medios, o mandatario recoñeceu que foi unha intervención "complicada", en que se optou por despregar forzas especiais no canto dun ataque aéreo para "minimizar" os danos colaterais. Con todo, e aínda que se tomaron "todas as precaucións", varios civís terían perdido a vida.

Biden asegurou que foi Al Quraishi quen decidiu estar "rodeado" de civís, crianzas incluídas, e confirmou que se fixo estourar con explosivos antes de ser capturado e "enfrontarse á xustiza" polos crimes cometidos", como tamén fixo no seu día o seu predecesor, Abu Bakr al Baghdadi.

"Non lle importaron a vida dos seus propios familiares nin doutras persoas no edificio", afirmou Biden, que aínda está á espera de coñecer todos os detalles dunha operación que Washington catalogou de éxito, baixas á marxe.

Catro menores mortos

O Observatorio Sirio para os Dereitos Humanos sinalou que 13 persoas, incluídos catro menores, morreron no marco da operación en Idlib e agregou que se produciu entre a medianoite e as 3.30 horas locais da quinta feira.

O organismo, con sede en Londres e informantes no país árabe, destacou que Estados Unidos enviou as forzas especiais á área de Atmé, perto da fronteira con Turquía, e agregou que o falecemento destas 13 persoas "foi verificado e confirmado".

A operación foi lanzada despois de que as forzas de seguridade kurdas recuperasen o control da prisión de Ghueiran, no nordeste do país, tras unha semana de choques co ISIS, que lanzou un asalto para tentar liberar os centos dos seus membros alí detidos.