América Latina

Arxentina cumprirá co FMI mais sen máis recortes

O presidente electo, Alberto Fernández, e a directora xerente do organismo internacional, Kristalina Georgieva, mantiveron esta terza feira, 19 de novembro, unha conversa telefónica.

fmi

«Imos propoñer un plan económico sostíbel e un acordo de pagamento que poidamos cumprir, mais sen máis axustes». Así llo transmitiu o presidente electo da Arxentina, Alberto Fernández, á titular do Fondo Monetario Internacional (FMI), Kristalina Georgieva, durante unha conversa telefónica que mantiveron á última hora desta terza feira (hora local).

alberto-fernandez

O organismo multilateral é o principal acredor individual do país, ao tempo que o crédito outorgado ao Goberno arxentino representa a metade de todos os préstamos do organismo. En concreto, o último aprobado en 2018, durante o Goberno de Mauricio Macri, ascende a 57 mil millóns de dólares.

Segundo comunicou aos medios locais a oficina de prensa de Fernández, o futuro presidente a partir do 10 de decembro conta cun plan sustentábel que vai permitir crecer e cumprir coas obrigas da Arxentina co Fondo e co resto dos acredores. «Estamos asumindo un compromiso que poidamos cumprir», dixo o futuro mandatario.

Kristalina_Georgieva

Con todo o presidente advertiu de que «non se poden realizar máis axustes fiscais porque a situación é dunha complexidade enorme, o nivel de axustes na era de Macri foi tremendo».

Georgieva, «conmovida»

«Reiterei a disposición do Fondo a colaborar co seu Goberno e traballar para achanzar o camiño cara a un crecemento sostíbel e reducir a pobreza», indicou Georgieva a través dun breve comunicado oficial. A titular do FMI salientou ademais a proposta dun pacto social para reducir a inflación que, segundo preveu no último informe, superará o 57% a finais do presente ano.

Mais no comunicado emitido polo Goberno arxentino recóllense con maior extensión o contido da conversa entre Fernández e Georgieva. «Conmovéronme as súas prioridades: a redución da pobreza e a loita contra a fame nun entorno económico que permita crecer e xerar emprego, para mellorar a vida do pobo arxentino», indicou a dirixente do Fondo.

Horas antes deste contacto telefónico, Georgieva declarara nunha entrevista en Bloomberg que calquera medida tería que darse nun contexto «sostíbel». Nese escenario, dixo, «poderían volver aos mercados. Agardo que poidan discutir co FMI sobre como facelo. O Goberno ten que atopar a forma de manter as restricións orzamentarias que existen e para iso necesitan continuar traballando e ver onde o gasto público non está dando resultados valiosos para o país».

Pobreza en aumento

Segundo as últimas medicións do Instituto Nacional de Estatísticas e Censos (INDEC), correspondentes ao primeiro semestre do presente ano, a pobreza non deixa de medrar. O índice oficial elévase a 35,4%, isto é, 15,8 millóns de arxentinas e de arxentinos sobre unha poboación de 44,6 millóns.

pobreza

Nos 12 meses que van desde xullo de 2018, cando o índice era de 27,3%, a xuño de 2019, o número de pobres aumentou en 3,25 millóns. Ademais, no primeiro semestre de 2019 a poboación arxentina perdeu arredor de 30% do seu poder adquisitivo e a crise económica e a recesión agudizáronse, con caídas en todos os indicadores macroecónomicos, incluído o emprego.

O nivel de pobreza é o máis alto desde que o presidente Mauricio Macri chegou ao poder en decembro de 2015, cando recibiu o país cun 29% de pobres, segundo unha enquisa alternativa realizada daquela polo Observatorio da Débeda Social da Universidade Católica Arxentina (UCA), ante a falla de datos oficiais. En 2002, durante o corralito, a pobreza alcanzara 54,5%.

Comentarios