Jeannette Jara e José Antonio Kast disputarán a Presidencia de Chile
Chile encárase a unha das eleccións máis polarizadas da súa historia recente. A ministra comunista Jeannette Jara (Partido Comunista de Chile) e o líder da ultradereita José Antonio Kast (Partido Republicano) serán quen se enfronten na segunda volta presidencial, segundo confirmaron os resultados da xornada electoral deste domingo recollidos polos principais medios internacionais.
Jara, figura clave do Goberno de Gabriel Boric (Fronte Ampla) e responsábel da reforma das pensións, converteuse na primeira candidata do Partido Comunista en chegar a unha segunda volta presidencial en Chile, impulsada por un apoio significativo nas áreas urbanas e nos sectores populares. A súa candidatura aposta pola profundización das reformas sociais, a defensa dos servizos públicos e o fortalecemento do Estado como garante dos dereitos básicos.
Pola súa parte, Kast —que xa disputou a Presidencia en 2021 fronte a Boric— consolida o liderado da ultra dereita. O seu discurso, centrado na seguridade, o control migratorio e a defensa dun modelo económico neoliberal, volveu captar apoio nun contexto marcado pola inseguridade cidadá e a tensión política acumulada tras o estalido social de 2019 e o fracaso do proceso constituínte.
A disputa entre Jara e Kast evidencia a forte división do electorado chileno, que deixa fóra da segunda volta as opcións moderadas e sitúa o país diante dun dilema entre dous proxectos antagónicos. A campaña que agora comeza estará condicionada polo debate sobre o futuro das reformas sociais impulsadas polo actual Executivo e pola capacidade das dúas candidaturas para atraer ao voto indeciso e aos electores do centro político.
A segunda volta decorrerá nas próximas semanas, nun clima político no que tanto o bloque progresista como o conservador buscarán ampliar alianzas e mobilizar o seu electorado, logo dunha primeira volta na que o voto á dereita e á ultra dereita superou o cómputo das papeletas da esquerda.
Remuda no Senado e no Congreso
As eleccións tamén redefiniron o equilibrio de forzas no Parlamento, que queda profundamente fragmentado e sen maiorías claras. Coa renovación da metade do Senado e da totalidade da Cámara de Deputados, o novo mapa político anticipa unha etapa de negociacións complexas para quen resulte elixido na segunda volta presidencial.
No Senado, Unidade por Chile —o bloque oficialista— contará con 20 escanos, seguido moi de perto polo conglomerado conservador Chile Grande e Unido, con 18. A centrodereita moderada de Cambio por Chile obtén 7 postos, mentres que as forzas verdes, humanistas e rexionalistas suman 3, e outras candidaturas completan os 2 escanos restantes.
Na Cámara de Deputados, o escenario é igualmente disperso. Unidade por Chile será a primeira bancada con 61 escanos, mais lonxe dunha maioría que lle permita gobernar en solitario. Cambio por Chile alcanza 42 representantes e Chile Grande e Unido sitúase nos 34, consolidándose como forza clave da dereita dura. O Partido da Xente alcanza os 14 deputados, mentres que os partidos verdes, humanistas e rexionalistas obteñen 3 escanos e outras candidaturas illadas completan un hemiciclo que obrigará a tecer alianzas na política chilena.