venres 29.05.2020

Italia fecha os seus portos aos migrantes rescatados no Mediterráneo

O Goberno considera que non se dan as condicións adecuadas para acollelos mentres dure o estado de emerxencia sanitaria.

Embarcación con 150 persoas a bordo rescatadas pola ONG Sea Eye (@seaeyeorg)
Embarcación con 150 persoas a bordo rescatadas pola ONG Sea Eye (@seaeyeorg)

O Goberno italiano anunciou o feche dos seus portos para o desembarco de migrantes rescatados no Mediterráneo xa que considera que ante a pandemia de coronavirus, con país sumando o maior número de mortos a nivel mundial, non se dan as condicións adecuadas para iso.

Nun decreto subscrito a última hora da terza feira, 7 de abril, polos ministros de Transporte, Exteriores, Interior e Sanidade, o Goberno sostén que mentres se manteña a "urxencia sanitaria nacional" pola COVID-19, "os portos italianos non aseguran os requisitos necesarios para a clasificación e a definición de 'lugar seguro'" para os rescates realizados "por barcos de bandeira estranxeira fóra da área italiana".

Así pois, a medida non afectará as persoas migrantes que sexan rescatadas por embarcacións italianas dentro da área de búsqueda e rescate que lle corresponde ao país no Mediterráneo ou que consigan chegar polos seus propios medios até as costas italianas.

Lampedussa

Segundo informa La Repubblica, durante a pasada noite chegaron 124 migrantes en dúas embarcacións até a illa de Lampedusa, que se suman aos 34 que chegaran na segunda feira e que están xa baixo corentena no centro de acollida, actualmente saturado.

"Cómpre que estas persoas sexan trasladadas inmediatamente", reclamou o alcalde de Lampedusa, Totò Martello, á ministra do Interior, Luciana Lamorgese. "Xa non hai espazo para ninguén e non podemos pór en perigo a poboación e os traballadores", advertiu. "Os migrantes están no peirao e se non os levan deixareinos alí. Non teño outra elección", asegurou.

Por outra banda, a decisión do Goberno italiano deixa sen saída os 150 migrantes rescatados na segunda feira polo barco Alan Kurdi da ONG alemá Sea Eye.

Segundo o citado diario, unha das hipóteses que se están a contemplar é aloxalos nunha embarcación da Cruz Vermella fronte ás costas italianas para que cumpran un período de corentena antes de distribuílos por varios países europeos.

comentarios