Italia desmárcase da apertura "segura" de fronteiras da UE

(Foto: Europa Press)
A Unión Europea abriu na cuarta feira as súas fronteiras aos viaxeiros procedentes dun total de 14 países terceiros, que gozan dunha situación epidemiolóxica similar ou mellor á comunitaria.

A Unión Europea abriu na cuarta feira as súas fronteiras aos viaxeiros procedentes dun total de 14 países terceiros, que gozan dunha situación epidemiolóxica similar ou mellor á comunitaria. Entre estes non figuran, por exemplo, nin os Estados Unidos nin Rusia nin tampouco ningún país de América Latina, agás Uruguay. 

Non obstante, Italia desmarcouse deste acordo europeo e imporá a corentena obrigatoria de dúas semanas para todos os cidadáns que proveñan de Estados de fóra do espazo Schengen, tamén dos 14 países considerados "seguros" pola UE, segundo confirmou o Ministerio de Sanidade italiano nun comunicado.

Por decisión unánime, o Consello Europeo aprobou na terza feira a lista de países que considera "seguros" pola súa situación pandémica. Con todo, a medida non é legalmente vinculante, polo que cada un dos 27 membros da UE pode optar por non abrirse aos países seleccionados, tal e como fixo Italia.

A lista intégrana Alxeria, Australia, Canadá, Corea do Sur, Montenegro, Marrocos, Nova Zelandia, Ruanda, Serbia, Tailandia, Tunisia, Uruguay, Xapón e Xeorxia.

O ministro de Sanidade italiano, Roberto Speranza, explicou que o país "opta pola liña da prudencia". "A situación a nivel mundial continúa a ser moi complexa. Debemos evitar que se frustren os sacrificios realizados polos italianos nos últimos meses", engadiu.

Reciprocidade na UE

Por outro lado, o ministro de Asuntos Exteriores de Italia, Luigi di Maio, asegurou nunha entrevista no diario Corriere della Sera que o Goberno está preparado para "fechar as fronteiras" á cidadanía dos Estados membros da UE que se neguen a autorizar a entrada de italianos.

Di Maio dixo que "o partido comezará o 3 de xuño" porque esa é a data en que comezará a visitar outros países europeos para abordar a situación en canto a regulación de fronteiras. Neste sentido, afirmou que cría "na colaboración e na reciprocidade".

"Ese é o espírito que levarei nas miñas viaxes a Alemaña, Eslovenia e Grecia. Italia distínguese pola transparencia e os nosos datos son moi reconfortantes. Non queremos levantar polémicas mais se algún pensa en nos fechar a porta na cara só polos seus propios intereses, entón responderemos", advertiu.

O ministro de Exteriores italiano deixou claro que, "fronte aos personalismos", o Goberno italiano "tamén" fechará "as portas".