Israel ordenou aos seus soldados disparar contra palestinos desarmados que buscaban comida en Gaza
Irán exixe unha indemnización pola agresión militar.
Nun mes e medio, 549 palestinas e palestinos foron asasinados en Gaza por soldados israelís nas inmediacións de puntos de repartimento de axuda humanitaria. Isto non é casual, como constatou a sexta feira o xornal Haaretz, que recompilou testemuños das tropas que confirman que recibiron ordes dos seus superiores para disparar de forma arbitraria.
Un dos soldados incidiu en que “non hai perigo” para eles e en que non ten información de que houbera algún “caso de resposta ao fogo, non hai inimigo nin armas”, nunha operación integrada no xenocidio que está a perpetrar Israel contra o enclave palestino, onde asasinou como mínimo 56.000 persoas desde outubro de 2023.
Os decesos producíronse na contorna das instalacións da Fundación Humanitaria de Gaza, unha entidade impulsada por Israel e os Estados Unidos, que desprazou mercenarios á Faixa con este fin, e que a axencia da Organización das Nacións Unidas (ONU) para Palestina cualificou de “abominación”.
Ao tempo, entidades non gobernamentais que traballan en Gaza detallan que se trata dun intento de facilitar a limpeza étnica do pobo palestino no enclave ao forzalo a desprazarse cara ao sur se non quere morrer de fame. En paralelo, o réxime sionista segue a obstaculizar a entrada da axuda xestionada pola ONU, no medio da fame masiva que as súas accións causaron en Gaza.
Esa fame provocou a quinta feira a morte de dous bebés, reportou a axencia Wafa, o que eleva a 244 as mortes directas por desnutrición, a meirande parte de crianzas acabadas de nacer e persoas maiores.
Xa en Cisxordania, os ataques de colonos israelís apoiados polos seus militares intensificáronse, e a Oficina de Dereitos Humanos da ONU remarcou que é “extremadamente difícil separar a violencia do Estado da dos colonos” após tres novas mortes.
En Irán, o titular de Exteriores, Abbas Araghchi, apuntou que a volta ás conversas cos Estados Unidos sobre o seu programa nuclear non se producirá a curto prazo, logo de anunciar Washington que a seguinte rolda de negociacións sería a semana que vén.
Amais, pormenorizou que as agresións militares de Israel e do país americano “fixeron máis complicado” o diálogo e cambiaron as “condicións”, polo que demandan unha indemnización polos danos causados ás súas plantas atómicas.
Arredor deste punto, a canle CNN asegurou que os Estados Unidos estudan ofrecer a Tehran unha relaxación das sancións e incentivos para un programa nuclear sen enriquecemento de uranio co fin de que acepte volver á mesa de negociación.