Israel dispara contra unha patrulla de cascos azuis do Estado español no sur do Líbano

Vehículos da UNIFIL en novembro de 2025. (Foto: Kandice Ardiel / UNIFIL)

Tres proxectís disparados por carros de combate israelís caeron a menos de 400 metros dunha patrulla do Estado español na ONU despregada no sur do Líbano.

Carros de combate das Forzas de Defensa de Israel abriron fogo esta segunda feira contra unha patrulla de cascos azuis españois despregados no sur do Líbano, no marco da misión da Forza Provisional das Nacións Unidas para o Líbano (UNIFIL). O incidente, cualificado de grave, non provocou feridos, segundo informou o Estado Maior da Defensa —órgano central do Ministerio de defensa español—.

Os feitos producíronse arredor das 16.30 horas, cando tres tanques israelís tomaron posición ao norte da denominada buffer zone, dentro da área de responsabilidade do Batallón Español (Spanbatt) da Brigada Leste da UNIFIL, dirixida polo xeneral Antonio Bernal Martín. Esta zona de seguridade rodea cinco posicións estratéxicas que Israel mantén en territorio libanés desde a súa última invasión, en outubro de 2024, malia que debía terse retirado delas.

Ao detectar que os carros israelís saíran fóra da buffer zone, unha patrulla do Estado español desprazouse ao sur da localidade de El Khiam para supervisar os seus movementos. Foi entón cando os tanques efectuaron tres disparos coa súa arma principal —un canón de 105 ou 120 milímetros—, cuxos proxectís impactaron a entre 150 e 380 metros da patrulla. Os cascos azuis repregáronse de inmediato a unha zona segura, sen que se rexistraran danos persoais, e posteriormente os carros regresaron ás súas posicións. Tras o incidente, e sen novos episodios de tensión, a patrulla retornou á base Miguel de Cervantes, situada na localidade de Marjayún.

Desde o Estado Maior da Defensa sinalan que máis de 600 militares españois forman parte da UNIFIL e "contribúen á paz e estabilidade da zona" en coordinación tanto coas Forzas Armadas Libanesas como co Exército israelí. Calquera acción hostil contra estas tropas, advirte, supón unha "grave violación" da Resolución 1701 do Consello de Seguridade das Nacións Unidas e pon en "serio risco" a seguridade do persoal despregado.