Israel dá luz verde a un alto o fogo no Líbano tras constatar o fracaso do intento de invasión

Ataque israelí a terza feira en Beirut, capital do Líbano, onde intensificou os bombardeos a medida que se achegaba a aprobación do alto o fogo. (Foto: Marwan Naamani / DPA vía Europa Press)
Hamás agradece a Hezbolá a solidariedade e dá a benvida ao cesamento de hostilidades.

O  primeiro ministro do Executivo de ultradereita israelí, Benjamin Netanyahu, aprobou na noite da terza feira a proposta dos Estados Unidos e Francia dun alto o fogo na guerra coa organización libanesa Hezbolá, que canda o Goberno libanés xa dera luz verde, e que entra en vigor ás 4 horas da cuarta feira hora local, as 3 na Galiza.

O xornal sionista The Times of Israel trasladou citando un funcionario que a aprobación do alto o fogo -que o réxime israelí boicoteou en varias ocasións, da mesma maneira que en Gaza- está baseada no temor a que o Goberno de Joe Biden nos Estados Unidos busque “castigar” o Estado cunha resolución no Consello de Seguridade da Organización das Nacións Unidas (ONU).

No que supón unha nova constatación de que Washington evitou presionar Israel para que puxese fin ao xenocidio en Gaza, o funcionario subliña que o réxime precisa que os Estados Unidos autoricen o envío de 134 escavadoras D9 de uso militar, coas que, amais de operacións bélicas, está a derruír varias zonas de Gaza, tanto para destruír as infraestruturas básicas que permiten a supervivencia da poboación palestina como, de forma previsíbel, para manter a ocupación de áreas como o norte do enclave, onde está a efectuar unha limpeza étnica e organizacións vinculadas co Goberno israelí preparan a instalación de colonos.

O texto sinala que no prazo inicial, de 60 días, Hezbolá retirará os seus combatentes ao norte do río Litani, a 30 km ao norte do Estado sionista na maior parte dos lindes, e a catro no sueste libanés. Ao tempo, os militares israelís marcharán das poucas zonas que controlan no sur do Líbano, onde Hezbolá impediu que puideran avanzar máis que algúns poucos quilómetros, nunha área desde a que se produciron boa parte dos ataques aéreos da forza libanesa.

Nese momento, as Forzas Armadas libanesas despregarían 5.000 soldados na zona como parte do acordo, detallou o titular de Exteriores do Líbano, Abdallah Bou Habib. O Exército libanés non participa no conflito mais foi atacado por Israel en múltiples ocasións, así como as tropas da Forza Provisional da ONU para o Líbano, instaurada en 1978 e que se atopa no lugar como parte da resolución 1701 do Consello de Seguridade da ONU, que acabou coa guerra de 2006 após o fracaso israelí no intento de invasión do sur do Líbano. Precisamente esa resolución é a base deste alto o fogo.

O entendemento estaría vixiado por un organismo conformado polos Estados Unidos, o Reino Unido, Alemaña, Francia -aliados de Israel e que avalaron o xenocidio en Gaza-, e un país árabe que aínda non foi identificado.

Tras finalizar o prazo inicial, Israel e o Líbano terían que negociar a demarcación da fronteira, e se manter ou modificar os lindes de facto, a liña azul fixada pola ONU en 2000 para avaliar se Israel se retiraba do Líbano despois dunha invasión anterior.

Malia que o réxime sionista insiste en que o acordo inclúe que poderán atacar o Líbano cando o consideren conveniente para garantir a aplicación do texto, o Líbano negou que recolla esta posibilidade, e dous funcionarios israelís confirmaron a Reuters que a afirmación provén dun acordo paralelo cos Estados Unidos para tomar medidas ante “ameazas inminentes”.

O pacto chega despois de que en setembro, e perante a imposibilidade de cumprir os seus obxectivos fixados en Gaza malia o xenocidio -a destrución de Hamás e a liberación das persoas israelís detidas na Faixa-, Israel efectuara un ataque terrorista que fixo estoupar aparellos electrónicos no Líbano, que precedeu a un novo intento de invasión que incluíu, como en Gaza, a destrución intencional de múltiples vilas e bombardeos indiscriminados contra civís, algúns dos que tamén asasinaron altos cargos de Hezbolá, como o seu secretario xeral, Hassan Nasrallah, substituído por Naim Qassem.

De feito, Nasrallah foi asasinado poucas horas despois de dar o seu visto e prace a un alto o fogo impulsado por Washington e París, cesamento de hostilidades ao que tamén se comprometeu Israel antes de negalo publicamente.

Desde outubro do pasado ano, cando comezaron as hostilidades que Israel intensificou en setembro, máis de 3.750 persoas foron asasinadas no Líbano por Israel, á vez que do Estado sionista morreron 118, a maioría soldados.

De implementarse o acordo, pois funcionarios israelís insisten en que non supón a fin da guerra, ambas as partes poderán reclamar cadansúa vitoria. No tocante a Hezbolá, foi quen de impedir unha vez máis unha invasión israelí e mantivo as súas capacidades operativas, lanzando só o domingo 340 proxectís e mísiles contra obxectivos militares en Israel, que oculta os danos reais baixo a censura militar. O analista militar Elijah Magnier destacou que ese ataque obrigou o liderado sionista a asumir que o obxectivo de destruír Hezbolá estaba fóra do seu alcance.

Hezbolá tamén foi quen de manter a solidariedade ante o xenocidio do pobo palestino, en defensa do que comezou a atacar Israel, o que Hamás agradeceu despois de apoiar o alto o fogo no Líbano. Os ataques obrigaron Israel a evacuar 60.000 persoas do norte, cuxas Alcaldías aseguran que o alto o fogo é unha "rendición" e que non garantirá a seguridade para que regresen.

Fin ao vínculo entre xenocidio e guerra no Líbano

Para os sionistas, a retirada de Hezbolá ao norte do río Litani suporía que lograron co alto o fogo o que non foron quen no campo de batalla contra unha organización política apoiada por Irán e cun brazo armado, que, a pesar de ser un dos actores non estatais máis poderosos, conta cunhas capacidades moito menores en comparación co Exército dun Estado militarizado como o israelí. Todo isto cun pacto que verificarán aliados seus.

O seu principal éxito sería desvincular a guerra no Líbano co xenocidio en Gaza, posto que só Hezbolá, o movemento hutí no Iemen e outras organizacións de menor envergadura no Iraq, ademais de até certo punto Irán, se están a opor de forma activa a nivel bélico ao xenocidio israelí.

Ao tempo, o réxime sionista está sendo apoiado e armado polos seus principais aliados, os Estados Unidos e a Unión Europea (UE), incluso despois de que o Tribunal Penal Internacional (TPI) ordenara a detención do primeiro ministro do Goberno ultradereitista israelí, Benjamin Netanyahu, por crimes de guerra e contra a humanidade en Gaza.

Pola súa parte, a China ou Rusia exixiron un alto o fogo mais rexeitaron intervir directamente, da mesma maneira que a maioría dos Estados árabes.