Israel asasina o novo xefe do Estado Maior de Irán, que levaba catro días no cargo

Ali Shadmani. (Foro: Tasnim)

Ali Shadmani, recentemente designado xefe do Estado Maior de Irán, era un home de máxima confianza de Khamenei.

Israel afirmou esta terza feira que eliminou Ali Shadmani, o recentemente designado xefe do Estado Maior de Irán e home de máxima confianza de Khamenei O Exército israelí considerou que a súa eliminación supón un golpe significativo á cadea de mando das forzas armadas iranianas

Israel reivindica o asasinato a primeira hora desta terza feira. As forzas de defensa israelís, as IDF, cualifican Ali Shadmani  como "o comandante militar de maior rango e a figura máis próxima ao Líder Supremo iraniano, Alí Khamenei".

Nun post en X, as IDF aseguraron atacar "un centro de mando no corazón de Teherán". Antes de que Israel asasinase o seu predecesor, Alaa Ali Rashid, ao comezo da Operación León Ascendente, Shadmani era subcomandante do centro de mando de emerxencia Khatam al-Anbiya e xefe da Dirección de Operacións do Estado Maior Xeneral das Forzas Armadas de Irán, explica Tel Aviv.  

Para Israel, "a eliminación de Shadmani súmase a unha serie de eliminacións dos máis altos mandos militares de Irán e degrada a cadea de mando das forzas armadas iranianas".

Ataque ao Mosad

Pola súa parte, a Garda Revolucionaria reivindica un ataque á sede do Mosad, o servizo de intelixencia exterior de Israel, no quinto día dun enfrontamento militar con Israel.

A Garda "atacou o centro de intelixencia militar do exército do réxime sionista, Aman, e o centro de planificación de operacións terroristas do réxime sionista, o Mosad, en Tel Aviv. Este centro está actualmente en chamas", declararon nun comunicado lido na televisión estatal.