Trump di que quere que Irán se renda “de todo”

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump. (Foto: The White House)

O presidente de EUA afirma que Irán “non pode ter nin unha soa arma nuclear”.

O presidente de Estados Unidos, Donald Trump, afirmou que quere que Irán “renuncie por completo” ás armas nucleares e pór así un “final real” ao ‘problema’ nuclear co país.

“É moi sinxelo. Debe renderse de todo. Irán non pode ter nin unha soa arma nuclear”, afirmou Trump en comentarios á prensa a bordo do Air Force One durante a viaxe de volta da reunión do G-7, en Canadá.

Preguntado sobre se Israel vai ir minguando os seus ataques contra Irán, Trump afirmou: “Van descubrir nos próximos dous días. Ninguén baixou o ritmo até o de agora”.

O presidente afirmou que EUA está a traballar para axudar os estadounidenses que tentan marchar da rexión no medio da guerra entre Israel e Irán. “Estamos a traballar niso, estamos a facelo o mellor que podemos”, dixo.

Previamente, Trump asegurou que non estivo en contacto con Irán para estabelecer conversacións de paz “de ningunha maneira ou forma”.

Nun post publicado na rede social Truth, o republicano dixo, ademais, que Irán “debería aceptar o acordo que estaba sobre a mesa”. “Se Irán quere dialogar, sabe como contactarme”, engadiu.