mércores 08/12/21

Irlanda e os pobos nativos americanos, unidos pola solidariedade tras 173 anos

A cidadanía de Irlanda responde con numerosas doazóns a unha campaña de recadación de fondos para axudar os pobos nativos americanos dos Estados Unidos, entre os máis afectados polo brote da COVID-19, e como tributo á axuda prestada pola tribo Choctaw durante a Gran Fame irlandesa de mediados do século XIX.
Chocktaw_Memorial
O Memorial Kindred Spirits, na cidade irlandesa de Mainistir na Corann, lembra o xesto do pobo choctaw (commons.wikimedia.org)

En 1844, a poboación de Irlanda era de case 8,4 millóns de persoas. Sete anos despois reducírase até 6,6 millóns, número que mantén a illa na actualidade. A coñecida como "Gran Fame" (An Gorta Mór, en gaélico) ou como "Fame da pataca", fóra do país, provocou a morte de aproximadamente un millón de persoas, así como a emigración dunha outra cantidade similar, principalmente aos Estados Unidos e ao Canadá, que se multiplicaría até por dous nos anos seguintes. 

A ferida fixo que a illa, baixo soberanía do Reino Unido até a independencia en 1921, se desangrase. Tamén que se reconfigurase economicamente. Por exemplo, pasouse dunha propiedade minifundista e de multipropiedade, a outra latifundista e concentrada en poucas mans. As terras, de labregos católicos, eran tan pequenas que se dedicaban exclusivamente ao cultivo da pataca, mentres que as de maior extensión, da elite protestante, eran máis diversas. 

No tempo da Gran Fame, arredor da metade da poboación de Irlanda comía exclusivamente patacas e a outra metade facíao frecuentemente. A borralla da pataca, a enfermidade que provoca o protista phytophthora infestans, acabou coas sucesivas colleitas de entre 1845 e 1849.

170 dólares

O estrago foi similar en toda Europa, mais especialmente intenso en Irlanda. Foi daquela que, en 1847, membros do pobo choctaw recadaron un total de 170 dólares (157 euros) para axudar contra a fame na illa, unha gran cantidade de diñeiro naquela época de penurias a un e outro lado do Atlántico para ambas as dúas nacións.

Porque os choctaw, así como outros pobos nativos norteamericanos, viñan de sufrir o coñecido como Sendeiro das Bágoas, o proceso de traslados masivos forzados decretado polo Goberno dos Estados Unidos coa Indian Removal Act de 1830.

Agora en 2020, outra praga, a do coronavirus, volve unir Irlanda coas nacións nativas de Norte América. Nos Estados Unidos, o principal foco da COVID-19 no mundo, a poboación nativa está entre as máis golpeadas pola pandemia. Segundo explica a doutora Michelle Tom, en Democracy Now!, a falla de auga corrente nas reservas, ou a súa propia idiosincrasia "matriarcal e comunitaria" e con "fogares multixeracionais", poden estar detrás desta afectación.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Nomeadamente, o pobo navajo ─de 350.000 habitantes e un territorio de 70.000 km2─ conta coa maior porcentaxe de infectados de todo o país, tan só por detrás de Nova York e Nova Jersey.

Segundo explica USA Today, ao contrario que as Administracións estatais ou locais, as reservas non poden recadar impostos polo que para financiar todos os seus servizos, desde a policía á sanidade, dependen dos ingresos dos casinos, negocio que a Administración Reagan lles concedeu na década de 1980 para compensalos pola expropiación das súas mellores terras. As medidas de distanciamento físico danaron gravemente esta fonte de ingresos.  

Tres millóns de dólares

É agora que a solidariedade sementada por un depauperado pobo choctaw hai 173 anos floreceu. Segundo informou a xornalista do The Irish Times Naomi O’Leary, o pobo irlandés está a apoiar masivamente con contribucións económicas o fondo de axuda para familias navajo e hopi afectadas pola COVID-19

O obxectivo é recadar tres millóns de dólares ─onte acumulaban arredor de 2,5─ para as reservas, que se estenden polos Estados de Arizona, Utah e Novo México. Serán destinados á adquisición de alimentos (apenas hai tendas), auga (as terras están contaminadas tras anos de extracción de uranio para o arsenal nuclear estadounidense) e material sanitario (contan con só 173 camas de hospital).

A campaña, lanzada na plataforma GoFundMe por un grupo de mulleres navajo, que son as que se encargan de organizar a comunidade, recibiu un pulo definitivo cando se fixo viral en Irlanda. Son numerosas as mensaxes  que renden tributo á nación choctaw.

"Grazas por nos axudar no século XIX. Gostaría de poder dar máis, mais perdín o meu traballo", comenta Olly Griffin, que doou 20 dólares. E Dermont Burke afirma: "A súa xenerosidade nunca será esquecida".

Irlanda e os pobos nativos americanos, unidos pola solidariedade tras 173 anos
comentarios