Israel ataca a televisión iraniana e insta a poboación a abandonar Tehran
Por cuarta xornada consecutiva, Irán defendeuse a segunda feira da guerra desatada por Israel cun ataque sen previo aviso a sexta feira, con lanzamentos de mísiles que rexistraron múltiples impactos no territorio israelí, o último até a hora de fechamento desta edición decorrido pola mañá, após sucederse as ondas de ataques ao longo da madrugada.
Entrementres, Israel proseguiu cos ataques aéreos en distintos puntos da xeografía iraniana, nun conflito que xa deixou 24 mortes do lado israelí e 224 do persa, a maioría correspondente a civís. Nun deles, en Kermanshah, no oeste iraniano, foi atacado un hospital que “sufriu graves danos en varias zonas”, indicaron as autoridades locais.
Tamén se comprobaron novos ataques contra a instalación de enriquecemento de uranio de Natanz, contra a sede da televisión pública e contra unha base militar en Tehran, a capital iraniana, sobre a que o Exército israelí insistiu en que posúe “superioridade aérea”, algo repetido nas últimas xornadas.
Contra obxectivos militares e nucleares reitera Israel que centra os seus ataques, despois de lanzar un bombardeo o domingo contra o Ministerio de Exterior e múltiples asasinatos selectivos de científicos nucleares e altos cargos militares, dos que tería matado unha trintena conxuntamente, mais detectáronse ao tempo diversos ataques en áreas residenciais.
O que non se rexistraron foron novos ataques a xacementos e refinarías de combustíbeis fósiles, efectuados por Israel o sábado e que motivaron unha represalia iraniana focalizada en Haifa, no norte israelí, onde danou oleodutos e liñas de transmisión dunha refinaría de petróleo e se produciron problemas na subministración de electricidade logo de ser impactada unha central eléctrica.
Na última ofensiva iraniana, os militares sostiveron que atacaron sistemas de mando e control das tropas israelís, e apareceron indicios de impactos en Tel Aviv –onde foi danada a embaixada estadounidense– ou Xerusalén, e un drone foi derrubado en Cesarea, onde reside o primeiro ministro do Goberno ultradereitista de Israel, Benjamin Netanyahu.
Con todo, é imposíbel coñecer o verdadeiro efecto dos ataques persas pola censura militar vixente en Israel, que levou incluso á detención de persoas que publicaron nas súas redes sociais imaxes de mísiles que lograron o seu obxectivo.
O que si foi confirmado durante estas xornadas foron impactos na sede do Ministerio de Defensa israelí, como múltiples lanzadores de mísiles situados nunha zona densamente poboada en Tel Aviv, ou no Instituto Weizmann, principal centro de investigación científica de Israel e que desenvolve tanto aplicacións militares como nucleares.
Asemade, Irán clama que conseguiu derrubar unha ducia de cazas israelís, e os sionistas que destruíron un terzo dos lanzadores de mísiles iranianos en terra. Ningunha das dúas afirmacións puido ser corroborada por fontes independentes.
Israel ameaza os civís
Nese contexto, o titular de Defensa israelí, Israel Katz, asegurou que os habitantes de Tehran “pagarán pronto o prezo”, antes de persistir en que non buscan danar civís, algo que atribuíu aos iranianos cos seus ataques de represalia.
O Organismo Internacional de Enerxía Atómica (OIEA) detallou a segunda feira que na planta de Natanz detectou “contaminación radiolóxica e química” que non saíu ao exterior, e confirmou que a parte subterránea da instalación non foi danada, o que si aconteceu na planta de Isfahan, mentres que noutros centros nucleares atacados en Irán, como Fordo e Jondab, non se produciron danos.
En última instancia, e aínda que Netanyahu porfiou en que detrás da súa agresión non provocada, que o réxime define como “ataque preventivo”, está o suposto avance iraniano de cara a construír armas atómicas, incluso o asesor de Seguridade Nacional israelí Tzachi Hanegbi admitiu que non teñen capacidade de destruír o programa atómico iraniano pola vía militar.
“Non buscamos armas nucleares”, reiterou a segunda feira o presidente de Irán, Masoud Pezeshkian, lembrando a presión occidental para que non as desenvolvan, mais defendeu que teñen dereito a posuír centrais nucleares co fin de xerar enerxía para uso civil, criticando os Estados Unidos por autorizar o ataque israelí 48 horas antes do inicio dunha rolda de negociacións ao respecto do seu programa nuclear, nunha agresión avalada por boa parte dos aliados occidentais de Israel, que se negaran antes a presionar o réxime sionista para frear o xenocidio en Gaza.
Así e todo, isto podería cambiar após o anuncio da segunda feira de Ismail Baghaei, voceiro de Exteriores de Tehran, que transmitiu que o lexislativo está a preparar unha lei para abandonar o Tratado de Non Proliferación Nuclear, ao que pertencen desde 1970 e en base ao que a OIEA vixía o programa nuclear do país.
Pola contra, Israel non ratificou o tratado e desenvolveu armas nucleares co apoio francés, e nunca foi sancionado, a diferenza de Irán, que rubricou un pacto en 2015 con Washington (que o rachou en 2018) para limitar a nivel civil o seu programa a cambio da fin das medidas coercitivas.
"É probábel que Irán avance cara a unha bomba atómica"
Desde a Intelixencia dos Estados Unidos até a OIEA, hai consenso en que non existe un programa iraniano para desenvolver unha bomba atómica, e, máis alá dos motivos (que todo apunta a que son desviar a atención do xenocidio en Gaza e a supervivencia política de Netanyahu), o obxectivo real do ataque israelí é forzar un cambio de réxime en Irán cara a un Goberno disposto a aliñarse coas posicións marcadas polos EUA e Israel, sentencia Jeffrey Lewis, do Instituto Middlebury de Estudos Internacionais.
Iso si, para Tehran, unha vez comprobado como a súa disposición a negociar e a súa negativa a impulsar a elaboración dunha arma nuclear non evitou a agresión israelí e como non influíu no aval occidental, esa postura pode variar, e “é probábel que agora si avance na construción dunha bomba” atómica para elevar o seu grao de disuasión, explicou o politólogo Farid Kahhat.
Sobre o papel dos Estados Unidos, múltiples recursos militares están sendo enviados á área, cun Israel que demanda a súa entrada na guerra, ao tempo que persoas expertas desbotaron a afirmación da Casa Branca de que os ataques facilitarán chegar a un novo acordo nuclear con Irán, pormenorizando que o normal é que isto endureza a postura do país persa.