Un cidadán galego fica bloqueado en Irán tras os ataques perpetrados por Israel
Alfonso Díaz, cidadán galego, atópase agora mesmo en Irán e, desde a pasada sexta feira 13 de xuño, sen posibilidade de abandonar o territorio iraniano para volver á Galiza. "A situación é un pouco de impase, vai aumentando un pouco a miña preocupación, así como a da miña familia", explica en declaracións a Nós Diario.
"Estou nun hotel baleiro, incluso coas portas fechadas, e cando saio fóra a comprar algo ou a trocar algo de diñeiro asegúranse tamén de fechar a porta por seguridade", explica. "Estou no centro de Teherán e esta noite escoitei estoupidos e drons", acrecenta o cidadán galego.
"Ás 3 horas da mañá volvín escoitar estoupidos que me espertaron", sinala. Neste contexto, afirma, "falei coa embaixada e dinme que espere". "Dinme que outra opción é saír por vía terrestre cara a Armenia ou Turquía mais que non garanten a seguridade", explica Díaz.
"É moita distancia, incluso me dixeron que igual chego alí e está a fronteira fechada", continúa. Por este motivo, salienta o cidadán galego, "dinme que agarde". "Teñen xente pendente de dobre nacionalidade iraniana e española, polo que fixen a proposta á embaixada de que organicen un autobús", destaca.
"A embaixada portuguesa si que o está facendo, segundo me comentaron, e antes a rusa", argumenta. E mentres, di, "estou aquí só nun hotel, trátanme ben, estou ben, mais teño ganas de volver a casa, aínda que tomar esta situación con humor".
"Nas rúas hai unha certa normalidade, moitos comercios fechados mais hai tráfico de vehículos, non moito, mais haino, así como xente andando pola rúa", salienta. "Penso que a cidadanía iraniana está resignada e afeita á forma de actuar do réxime sionista de Israel", conclúe Díaz.
Desde o 13 de xuño
O cidadán galego atopábase facendo turismo en Irán e a pasada sexta feira 13 de xuño, pouco antes de comezar os ataques perpetrados por Israel, foi cancelado o seu voo de volta desde a capital, Teherán. Por motivos da inseguridade do espazo aéreo, o cidadán galego ficou bloqueado no país, situación na que aínda continua.