Irán atribúe o ataque químico ás forzas opositoras sirias e afirma que Damasco permitirá á ONU que visite a área afectada

Obama e Cameron ditan xa sentenza -sen o aval de ningún tipo de investigación independente- e preparan unha acción militar, segundo The Guardian.

Siria
photo_camera Siria

O ministro de Asuntos Exteriores de Irán, Mohammad Javaz Zarif, afirmou, en declaracións á televisión pública do seu país, que o goberno sirio comunicou a Teherán a súa intención de permitir aos inspectores da ONU que visiten as áreas supostamente afectadas polo ataque con armas químicas denunciado pola oposición siria a cuarta feira 21 de Agosto.

Un portavoz iraniano dixo onte que Teherán está convencido de que o ataque foi perpetrado polas forzas opositorias sirias.

Siria tamén informou de que achou, nunha zona controlada polos rebeldes, un armacén cheo de armas químicas.

"Estamos en contato permanente co goberno sirio e eles téñenos asegurado que nunca usaría un armamento tan inhumano e que terían a maior cooperación cos inspectores da ONU visando mesmo que visiten as áreas afectadas", teríalle dito Javad Zarif á ministra de Exteriores italiana, Emma Bonino, segundo os meios de comunicación iranianos.

Mentres, segundo informa The Guardian, David Cameron e Barack Obama mantiveron onte unha conversa telefónica por espazo de 40 minutos na que terían acordado a preparación dalgunha acción de carácter militar contra Siria.

Quer os EUA quer o Reino Unido consideran probado que o ataque do 21 de Agosto foi perpetrado por forzas gobernamentais sirias, embora ningún organismo independente teña desenvolvido até o de agora ningunha investigación sobre os feitos.

Irán e Rusia, en troca, atribúen o uso das armas químicas ás forzas opositoras sirias, armadas por Washington e das que fan parte milicias de Al Qaeda.

Comentarios