Unha investigación da ONU corrobora que Israel está a cometer un xenocidio en Gaza
As accións israelís en Gaza “encaixan coas características dun xenocidio”, corroborou a quinta feira un informe do Comité Especial da Organización das Nacións Unidas (ONU) para investigar as prácticas dos sionistas, e que apenas analizou o acontecido nos primeiros nove meses da agresión militar israelí, que xa supera o ano de duración e que se estendeu ao Líbano.
Desde o primeiro momento, “os funcionarios israelís apoiaron publicamente políticas que despoxan os palestinos das necesidades requiridas para sustentar a vida: Alimento, auga e combustíbel”, algo que se traduciu no terreo no uso “da fame como método de guerra” e en “vítimas civís masivas e condicións potencialmente mortais”.
O réxime sionista causou “unha destrución masiva e o colapso dos sistemas de auga e saneamento, devastación agrícola e contaminación tóxica”, remarca o organismo, que tamén asegurou que os “ataques a xornalistas [un dos colectivos que máis mortes rexistrou] son esforzos deliberados para bloquear o acceso global á información”, e indicou que ignorou as resolucións do Tribunal Internacional de Xustiza e do Consello de Seguridade da ONU.
En alusión á impunidade coa que actúa Israel, garantida polo apoio dos seus principais aliados, os Estados Unidos e a Unión Europea (UE), apunta que “é responsabilidade colectiva de cada Estado deixar de apoiar o asalto en Gaza e o sistema de apartheid en Cisxordania”, alertando de que a falta de rendición de contas “debilita o núcleo do sistema legal internacional e senta un perigoso precedente”.
Malia que persoas expertas da ONU xa denunciaran que se trata dun xenocidio, o uso desta palabra nun documento oficial do organismo é pouco usual.
A relatora da ONU para Palestina, Francesca Albanese, reclamou que a Xustiza investigue se os Estados que apoian o réxime sionista son cómplices do xenocidio, unha petición que estendeu aos medios occidentais, que “deberían ser investigados polo papel que están a desempeñar en ocultar as atrocidades de Israel”.
Asemade, fíxose pública unha investigación de Human Rights Watch que concluíu que os sionistas están a desenvolver unha “limpeza étnica” en Gaza, a terceira que perpetran contra o pobo palestino, sinalando que “o desprazamento forzoso é xeneralizado, sistemático e intencional”, así como que “forma parte dunha política de Estado e constitúe un crime contra a humanidade”. Case 48.000 persoas foron asasinadas en Gaza por Israel desde o comezo do xenocidio.