Inundacións, colapsos e varias persoas mortas: o furacán 'Milton' xa bate en Florida
Polo menos dúas persoas morreron esta cuarta feira despois de que o furacán 'Milton' tocase terra nas costas do estado de Florida (Estados Unidos) con ventos sostidos de até 193 quilómetros por hora, o que, á súa chegada, o mantiña como un furacán de categoría 3 –previamente alcanzara categoría 5 no Golfo de México–, con capacidade para provocar graves danos nun territorio golpeado polo furacán 'Helene' hai tan só uns días.
Malia a súa potencia inicial, esta viuse reducida a medida que avanzaba polo estado até chegar á categoría 1 con ventos máximos sostidos de 144 quilómetros por hora e que xa deixou case tres millóns de fogares e negocios sen electricidade, segundo informou a cadea de televisión estadounidense NBC News.
Hurricane #Milton is pictured as a Category 5 storm in the Gulf of Mexico off the coast of Yucatan Peninsula from the space station on Oct. 8, 2024. pic.twitter.com/S7Hpe5GFMp
— International Space Station (@Space_Station) October 9, 2024
O Centro Nacional de Furacáns estimou que 'Milton' continúe desatando marusías ciclónicas potencialmente mortais, choivas torrenciais e ventos destrutivos cunha forza que se manterá estábel até esta quinta feira.
#BREAKING ‼️‼️
— 🌐 Short Reports 🌐 (@ShortReportOnX) October 10, 2024
A devastating force hit Florida. Hurricane #Milton and its power !#miltonhurricane #Florida #Tampa #Huracan #HurricanMilton pic.twitter.com/Vb83zxCWLY
De feito, o Servizo Meteorolóxico de Tampa emitiu unha alerta por inundacións que poderían afectar a uns dous millóns de persoas ao estaren a rexistrar entre 15 e 30 centímetros de choiva, polo que se espera que se produzan inundacións "potencialmente mortais" en arroios, regatos, áreas urbanas, estradas, rúas e pasos subterráneos, segundo informou a cadea de televisión CNN.
Refuxio e rescate
"Agora é o momento de refuxiarse. Os equipos de emerxencia están preparados e listos para partir tan pronto como as condicións climáticas o permitan. Os esforzos de busca e rescate estarán en marcha para salvar vidas antes do amencer, e continuarán durante o tempo que sexa necesario", declarou o gobernador de Florida, Ron DeSantis.
'Milton' é xa o quinto furacán que toca terra en territorio estadounidense no que vai de ano –xa son máis que todos os que chegaron entre 2021 e 2023–, sendo o máis poderoso 'Helene', de categoría 4, que deixou case 210 falecidos, converténdose no segundo máis mortífero dos últimos 50 anos no territorio continental de Estados Unidos, situándose por detrás do furacán 'Katrina', que matou a 1.833 persoas en 2005.