O informe forense clasifica como "homicidio" a morte do estadounidense Alex Pretti a mans do ICE

Os axentes levarán cámaras corporais en Minnesota.
Vixilia á honra de Alex Pretti no VA Medical Center de Minnesota. (Foto: Holden Smith / Zuma Press / Contacto Photo)
Vixilia á honra de Alex Pretti no VA Medical Center de Minnesota. (Foto: Holden Smith / Zuma Press / Contacto Photo)

A oficina forense do condado de Hennepin, en Minnesota (EUA), clasificou como homicidio a morte a tiros do enfermeiro estadounidense de 37 anos Alex Pretti a mans de axentes federais, igual que o fixera con Renée Good, unha cidadá dos EUA e da mesma idade morta a causa dos disparos dun membro do Servizo de Control de Inmigración e Aduanas (ICE) no marco das redadas dirixidas contra a poboación migrante.

O informe oficial recolle "homicidio" como a forma na que morreu Pretti e, como causa, "múltiples feridas por disparos" que aconteceron ao ser "tiroteado por axentes das forzas da orde", se ben non precisa cantos nin en cantas ocasións, aínda que o Departamento de Seguridade Nacional recoñeceu que foron dous axentes e o diario local Minnesota Star Tribune cifra en 10 o número de disparos.

Coincidindo coa publicación do informe, unha vez tamén identificados como Jesús Ochoa e Raymundo Gutiérrez os presuntos asasinos de Pretti, e no marco das crecentes protestas contra a represión por parte do Goberno de Donald Trump, a secretaria de Seguridade Nacional dos EUA, Kristi Noem, anunciou que "todos os axentes de campo en Minneapolis" levarán cámaras corporais, unha medida que se estenderá de forma progresiva polo resto dos Estados Unidos "a medida que haxa fondos dispoñíbeis".

O 'caso Epstein'

Os asasinatos e a represión non son os únicos problemas internos que baten na opinión pública dos EUA, pois esta indignación coincide coa xerada pola publicación dos arquivos do delincuente sexual Jeffrey Epstein, quen chegou a ser unha persoa moi achegada do presidente Trump.

Tamén do ex mandatario Bill Clinton e da ex secretaria de Estado Hillary Clinton, quen aceptaron comparecer na investigación que realiza o Congreso ao respecto logo de ser ameazados con ser declarados en desacato. Ademais, medran as protestas das vítimas cuxos nomes aparecen sen editar nos arquivos do caso.

Comentarios