xoves 02.04.2020

A India confina os seus 1.300 millóns de habitantes

O primeiro ministro da India, Narendra Modi, anunciou onte que durante tres semanas rexerá un confinamento total para conter a expansión do coronavirus, o que implica o maior peche deste tipo a nivel mundial, ao afectar 1.300 millóns de persoas.
O primeiro ministro da India, Narendra Modi (Imaxe: Europa Press)
O primeiro ministro da India, Narendra Modi (Imaxe: Europa Press)

"Esquecédevos de saír de casa nos próximos 21 días", anunciou o primeiro ministro da India, Narendra Modi, onte nun discurso en que defendeu a medida para "salvar a India" do coronavirus. O mandatario afirmou que "21 días pode parecer moito", pero dixo que "é a única forma de garantir que todo o mundo estea a salvo", explicou.

Modi tamén chamou a manter as distancias, xa que as medidas de prevención non son "só para pacientes". "O distanciamento social é a única forma de loitar contra o virus. É para todos os cidadáns, todas as familias, até para o primeiro ministro", engadiu.

Neste sentido, sinalou que "unha única persoa infectada pode contaxiar centos en semanas", xa que o virus "esténdese como o lume". As autoridades confirmaron polo de agora máis de medio milleiro de casos de contaxio no Estado, entre eles nove falecementos.

Xapón e o COI pospoñen os Xogos Olímpicos

A organización dos Xogos Olímpicos de Tokio 2020, cuxo comezo estaba previsto para o 24 de xullo, acordou un aprazamento dun ano debido á pandemia mundial de coronavirus. 

O primeiro ministro do Xapón,  Shinzo Abe, asegurou que o Comité Olímpico Internacional (COI) aceptou a petición do seu Executivo de aprazar as Olimpíadas.

"Propuxen pospor un ano o evento e o presidente Thomas Bach (COI) respondeu que o aceptaba", dixo Abe. O atraso dun ano tamén se aplicaría aos Xogos  Paralímpicos de Tokio.

comentarios