Imputadas Repsol e Caixabank no caso Tándem por subornos
Manuel García-Castellón, xuíz da Audiencia Nacional, imputou nesta quinta feira a Repsol e Caixabank por suborno e revelación de segredos, despois de contratar o ex comisario Jose Manuel Villarejo para investigar a Luis del Rivero, presidente de Sacyr, e o seu entorno.
Estas dúas empresas -traballando de maneira conxunta- conseguiron acceder ás chamadas de teléfono feitas polo presidente de Sacyr e persoas do seu ámbito, revela o xuíz no auto. Esta información, xunto o resto de resultados da investigación, foi utilizada para obstaculizar o acordo de Sacyr coa empresa estatal mexicana Pemex para tomar o control de Repsol, debulla o escrito do chamado caso Tándem.
Asemade, García-Castellón considera acreditado que o encargo de Repsol e Caixabank a Villarejo se produciu cando exercía no servizo activo da Policía, e que as facturas deses servizos foron aboadas polas empresas, deixando claro “que a actuación dos investigados se levou a cabo en todo momento en nome e por conta propia da compañía”, o que as converte en beneficiarias dos feitos e permite a imputación das persoas xurídicas.
As compañías alegaron que a contratación do ex comisario por medio da empresa Cenyt foi legal, e defenderon que os seus servizos eran en exclusiva de seguridade privada.
O problema, salienta o maxistrado, é que Cenyt nunca estivo habilitada para estas funcións, o que podía comprobarse a través da Unidade Central de Seguridade Privada da Policía, mais esta revisión nunca se fixo malia que os xefes de seguridade das dúas empresas que contrataron a Villarejo proviñan da Policía.
O de Repsol fora xefe da Unidade Central de Seguridad Privada da Policía, e o de Caixabank fora xefe superior de Policía na Galiza e Catalunya. Ambos os dous, que xa se atopan imputados na causa, tiñan que coñecer que Villarejo aínda estaba en activo na Policía, apunta o xuíz.
García-Castellón insta as empresas a que designen uns representantes que terán que comparecer o 26 de xullo.