Ciclo "Mirando ao Mundo"

O IGADI aborda o “presente e futuro das esquerdas en América Latina”

Realizará unha conferencia a cargo do ex embaixador de Nicaragua no Estado español, Augusto Zamora, esta sexta feira 25 de novembro, ás 20h na Casa da Luz (Praza da  Verdura) en Pontevedra.

Para poñer o ramo á edición 2016 ciclo de conferencias “Mirando ao Mundo”, o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) en parecería co Concello de Pontevedra, organiza unha palestra intitulada “Presente e futuro das esquerdas en América Latina”, que terá lugar esta sexta feira na cidade do Lerez. A conferencia será impartida por  Augusto Zamora, ex embaixador da República de Nicaragua no Estado español. 

Zamora, que para alén de diplomático de ampla traxectoria é analista e investigador en política internacional con experiencia no ámbito académico, analizará o actual contexto continental debullando a situación dos movementos de esquerda e dos gobernos progresistas. A nova onda de gobernos da dereita, após o impeachment contra Dilma  Roussef no Brasil, as vitorias electorais conservadoras en Arxentina e no Perú, a situación de Bolivia e Ecuador, a crise venezolana, o proceso de paz en Colombia e o novo contexto para Cuba, serán os aspectos sob os que palestrará o membro numerario da Academia de Xeografía e Historia de Nicaragua, que tamén exerceu de profesor de Dereito Internacional Público e de Relacións Internacionais na Universidade Autónoma de Madrid (UAM). Tamén avaliará as expectativas rexionais logo da vitoria de Donald Trump nas eleccións presidenciais norteamericanas.

A conferencia decorrerá a partir das 20h na Casa da Luz, na praza da Verdura de Pontevedra.