Extrema dereita na UE

Hungría retírase de Eurovisión por consideralo «gay de máis»

Recentemente, un comentarista favorábel ao Goberno de Víktor Orbán afirmou que sería mellor que Hungría non participase no festival pola «saúde mental» do país.

viktor-orban
photo_camera O primeiro ministro de Hungría, Viktor Orbán [Europa Press]

Segundo fontes da canle pública de TV de Hungría, MTVA, recollidas polo xornal británico The Guardian, o país decidiu non participar no festival da canción de Eurovisión no medio de especulacións de que o certame é «gay de máis» para o Goberno de extrema dereita.

Hungría conta cun Executivo que desde 2010 preside Viktor Orbán, líder da formación ultra Fidesz-Unión Cívica Húngara. Non hai comunicado oficial polo de agora, mais estas mesmas fontes asumen que detrás da decisión está a manifesta hostilidade polas ligazóns entre Eurovisión e os grupos LGBT+.

Recentemente, un comentarista favorábel ao Goberno describiu Eurovisión como «flotilla homosexual» e afirmou que sería mellor que Hungría non participase no festival pola «saúde mental» do país.

Presións na TV pública

As fontes da MTVA aseguraron, ademais, que desde a dirección da canle de TV se desincentiva a cobertura positiva das novas relacionadas cos dereitos dos grupos LGBT+.

Nun comunicado, a MTVA sinalou: «En troques de tomar parte no Festival da Canción de Eurovisión de 2020, apoiaremos directamente as valiosas creacións dos talentos da música pop húngara».

Comentarios