Hollande anuncia máis bombardeos na Siria e urxe unha "coligazón unitaria" internacional

"Precisamos máis bombardeos e máis axudas" contra o ISIS, dixo o presidente francés que pretende ampliar o estado de emerxencia no país durante 3 meses e desenvolver reformas "legais e constitucionais". 

 

François Hollande anunciou esta segunda feira (16 de novembro) no Parlamento que o seu goberno intensificará a intervención militar na Siria con máis bombardeos após os desenvolvidos esta madrugada en Raqqa

O presidente francés avanzou que durante as vindeiras semanas continuarán a ofensiva contra o ISIS e reclamou unha "coligazón unitaria" internacional contra o denominado Estado Islámico ao considerar que Siria se converteu na "maior fábrica de terroristas que coñeceu o mundo". Até o momento, o primeiro ministro británico, David Cameron, avanzou a "necesidade" de que o Reino Unido se sume á operación despregada por EUA e Francia. Porén, o executivo galo insta ao conxunto da UE a intervir. 

"Precisamos máis bombardeos e máis axudas", sinalou Hollande ao tempo que anunciou a súa vontade de introducir mudanzas legais e constitucionais no ordenamento xurídico francés. 

Entre elas, a posibilidade de expulsar con maior celeridade "estranxeiros que representan unha ameaza dunha especial gravidade para a seguridade da nación", asegurou. Verbas que foron reproducidas através da conta oficial da presidencia en Twitter. 

Aliás, Hollande pedirá a prolongación do Estado de emerxencia no país durante 3 meses, embora a lei só permitir que este se manteña durante 12 días. Isto implica o fechamento temporal de espazos públicos, o arresto domiciliario de calquera persoa considerada perigosa, confiscación de armas e maiores competencias para levar a cabo rexistros domiciliarios. 

Desde os ataques do 13 de novembro a policía francesa practicou 168 operativos en varias cidades. "Non haberá parada nen tregua. O seu crime reforza a nosa determinación de destruílos", afirmou Hollande.