Hezbolá contesta co lanzamento de proxectís sobre Israel ao asasinato dos seus líderes
Yoav Gallant, ministro de Defensa de Israel, dixo esta terza feira que Hashem Safi al Din, quen era a principal aposta para substituír Hasán Nasrala á fronte da milicia libanesa Hezbolá, "probabelmente" morreu a pasada sexta feira nun bombardeo israelí sobre a cidade de Beirut.
Segundo a cadea qatarí Al Jazeera, que cita fontes libanesas, Hezbolá perdeu o contacto con Safi al Din, aínda que de momento non confirmou a súa morte. Desta maneira, a milicia levaría tres días sen estabelecer comunicacións co líder despois de que Israel lanzase explosivos cun peso total de 73 toneladas sobre o lugar no que se cree que se atopaba, no barrio de Dahiyeh, ao sur da capital libanesa.
"Hezbolá é unha organización sen líder, Nasrala foi eliminado, o seu substituto probabelmente foi eliminado", afirmou Gallant durante unha visita ás tropas. Deste modo, Israel está a perpetrar unha onda de golpes contra a cúpula de Hezbolá, nunha ofensiva que xa causou máis de 2.000 falecementos entre a poboación civil durante o último ano por mor dos bombardeos indiscriminados sobre Beirut e o resto do territorio libanés, no que constitúe unha práctica contraria ao dereito internacional que está sendo denunciada polas Nacións Unidas (ONU).
Así, o Exército israelí eliminou esta terza feira Suhail Hussein Husseini, o comandante do cuartel xeral da milicia, mentres que, a finais de setembro, o máximo líder do grupo, Hasén Nasralla, foi asasinado durante un ataque aéreo no sur de Beirut. Ademais, a semana pasada foron anunciados os falecementos de varios membros destacados de Hezbolá.
Resposta da milicia
Neste contexto, e mentres Israel continúa cos duros bombardeos sobre o Líbano, Hezbolá contestou esta terza feira co lanzamento de máis 80 proxectís contra a cidade de Haifa, situada ao norte de Israel, no que supón o seu maior ataque contra a localidade tras un ano de enfrontamentos. Ademais, o vicesecretario xeral da milicia, Naim Qasem, afirmou esta terza feira que as tropas de Israel "non lograron avances" significativos no territorio libanés tras desatar a semana pasada unha operación para controlar o sur do país.
Qasem afirmou que as "capacidades" de Hezbolá seguen "ben" e apuntou que "o que afirma o inimigo sobre os danos causados ás mesmas é unha ilusión e unha mentira". "Estamos golpeando o inimigo e expandindo o alcance dos nosos proxectís e drons", dixo o vicesecretario xeral, que expresou o seu apoio ao presidente do Parlamento libanés, Nabih Berri, nos esforzos por lograr un cesamento do fogo.
Todo isto mentres a ONU e as ONG que traballan sobre o terreo no Líbano alertan da crecente presión sobre o sistema sanitario polo elevado número de vítimas dos constantes bombardeos israelís, até o punto de que os centros de saúde precisan "urxentemente" recibir máis sub-ministracións para poder salvar a vida de milleiros de persoas.
Unicef mobilizou 167 toneladas de subministracións médicas no líbano
O representante no Líbano do Fondo da ONU para a infancia (Unicef), Edouard Beigbeder, alertou de que "os hospitais están loitando baixo a presión deste tráxico aumento de casos". A axencia mobilizou 167 toneladas de subministracións médicas para axudar perto de dous millóns de persoas, con 67 toneladas entregadas tan só nos últimos tres días por terra e aire.
Preocupa de maneira particular a atención dos centos de milleiros de libaneses e libanesas desprazadas polo conflito, xa que como explica a responsábel de Emerxencias de Médicos Sen Fronteiras, Mercè Rocaspana, "moitas destas persoas atópanse na rúa sen un lugar onde durmir nin nada que comer". "Están vivindo, a maioría, en escolas que non estaban preparadas para ser un lugar de residencia e que por tanto non teñen equipamento sanitario suficiente nin cociña, así que dependen completamente da axuda externa", acrecenta.
Ante este escenario, Unicef reclama á comunidade internacional que mobilice o apoio humanitario e garanta que as rutas de subministración ao Líbano permanezan abertas cun paso seguro. Parte da axuda enviada pola axencia da ONU entra pola fronteira con Siria, onde Israel estendeu os seus bombardeos.
Expansión do conflito
Pola súa parte, a milicia iraquí Kataib Hezbolá afirmou esta terza feira estar "preparada" ante unha posíbel expansión do actual conflito na Faixa de Gaza e o Líbano. "A resistencia islámica debe prepararse para a posibilidade de que esta guerra se expanda e seguir dirixindo ataques conta o corazón da entidade [Israel], activar operacións conxuntas cos irmáns iemenís [os hutís], e abrir novas frontes de operacións para desgastar o inimigo", sinalou nun comunicado.
Ademais, Kataib Hezbolá tamén criticou os actos de "maldade, barbarie e criminais" do Exército israelí apoiados "polos malvados Estados Unidos, o réxime Al Sisi [en referencia a Exipto], o malicioso réxime xordano, a entidade saudita e o réxime dos Emiratos", que "quedarán gravados na memoria" da cidadanía iraquí e que provocarán "un volcán de ira e vinganza que non poderán deter".
A CIA advirte que un erro de cálculo podería expandir a guerra
A crecente tensión por todas as partes parece indicar un risco alto de escalada do conflito a novas frontes na rexión de Oriente Medio. Neste sentido, o director da Axencia de Intelixencia dos Estados Unidos (CIA), William Burns, afirmou esta terza feira que non considera que Israel e Irán queiran "unha guerra aberta", mais advertiu que un "erro de cálculo" por calquera das partes podería levar a unha espiral de "expansión rexional do conflito".
Guterres defende o labor da Unrwa e Francia insiste no embargo de armas
Mentres todos os focos apuntan ao campo de batalla no Líbano, a devastación continúa na Faixa de Gaza, onde o balance de vítimas mortais chega practicamente ás 42.000. A última actualización das autoridades sanitarias cifraba esta terza feira o número de falecidas en 41.965, mentres que situaba as feridas en 97.590. Así, durante as últimas 24 horas de reconto, contabilizáronse oito "masacres" que provocaron 56 falecementos e 278 feridas.
Neste contexto, o secretario xeral das Nacións Unidas (ONU), António Guterres, defendeu a "insubstituíbel" labor da axencia da ONU para os refuxiados palestinos (Unrwa) nun discurso en resposta á proposta de lei promulgada no Parlamento israelí (Knesset) para declarar esta axencia como unha organización terrorista e suspender a súa actividade tanto en Israel como nos territorios ocupados. En palabras de Guterres, a proposta da Knesset provocaría "unha catástrofe no medio do que xa é unha catástrofe".
Pola súa parte, o Exército de Israel confirmou esta terza feira a morte dun militar israelí no norte da Faixa de Gaza, o que eleva a 730 os soldados mortos confirmados polas forzas israelís desde o inicio dos seus cruentos ataques contra o territorio palestino. Ante a incesante matanza provocada por Israel, o ministro de Exteriores de Francia, Jean-Noel Barrot, defendeu esta terza feira o embargo de armas ao Estado israelí proposto hai uns días polo presidente da República, Emmanuel Macron. "Cando pedimos un cesamento do fogo, non podemos ao mesmo tempo proporcionar armas aos belixerantes. É unha cuestión de coherencia", concluíu.