Hamás afirma que deu unha resposta "positiva" ao cesamento do fogo en Gaza

O Movemento de Resistencia Islámica (Hamás) demanda que se presione a Israel para que  se deteña a guerra. As vítimas na Faixa de Gaza chegan a 38.193 segundo as autoridades.
Edificios destruídos en Jabalia o pasado 3 de xuño (Foto: Europa Press / Contacto / Mahmoud Zaki).
photo_camera Edificios destruídos en Jabalia o pasado 3 de xuño. (Foto: Europa Press / Contacto / Mahmoud Zaki).

Un alto cargo do Movemento de Resistencia Islámica (Hamás) asegurou esta segunda feira que o grupo deu unha resposta "positiva" á última proposta presentada para un posíbel acordo con Israel para un cesamento do fogo na Franxa de Gaza. "Abordamos as propostas de forma positiva e con gran flexibilidade e demos unha resposta positiva. A pelota está no tellado de Netanyahu", dixo Husam Badran, membro do brazo político de Hamás, quen manifestou que "se a Administración estadounidense é seria sobre deter a guerra, debe presionar a Netanyahu para alcanzar un cesamento do fogo". 

Badran, que afirmou que "o lugar do criminal Netanyahu é o Tribunal Penal Internacional (TPI) e non o cargo de primeiro ministro", denunciou que "a última noite foi unha das máis duras na cidade de Gaza" debido á "intensificación dos ataques contra civís", segundo segundo recolleu o xornal palestino 'Filastin', vinculado a Hamás.

38.200 mortes

Por outra parte, esta segunda feira as autoridades da Franxa elevaron a perto de 38.200 o balance de persoas palestinas mortas e a máis de 87.900 as feridas despois da ofensiva de Israel.

O Ministerio de Sanidade gazatí sinalou nun comunicado publicado en Telegram que "o balance de mortos da agresión israelí aumentou a 38.193 mártires e 87.903 feridos desde o 7 de outubro".

Así, manifestou que durante as últimas 24 horas as tropas israelís perpetraron tres "masacres" que se saldaron con 40 persoas mortas e 75 feridas. Ademais, afirman que "hai vítimas baixo os entullos e nas estradas" e subliñou que "os equipos de ambulancias e  defensa civil non poden chegar".

As autoridades sinalaron que ao redor de 10.000 persoas están desaparecidas, polo que o balance de falecidas podería ser moi superior ao anunciado de maneira oficial.

Comentarios