María Guardiola queda lonxe da maioría absoluta e dependerá dunha ultradereita reforzada
A candidata do Partido Popular á Presidencia da Xunta de Estremadura, María Guardiola, gañou as eleccións autonómicas deste 21 de decembro, ao conseguir 43,16% dos votos, que supoñen 4,3 puntos máis que 2023 -malia baixar en número de sufraxios-, e que lle outorgan un escano máis, até os 29 escanos, con 99,7% dos votos escrutados.
Con todo, con estes 29 escanos, Guardiola sitúase a catro da maioría absoluta, que está en 33, polo que necesitaría de Vox para gobernar, un partido que sae reforzado destas eleccións autonómicas, nas que gaña 8,7 puntos, até 16,9% dos votos, e pasa de 5 a 11 deputados e deputadas na Asemblea de Estremadura.
María Guardiola adiantou as eleccións pola crise de Goberno ao non poder aprobar os orzamentos autonómicos tras a negativa de Vox, buscando así Guardiola cos comicios unha maioría absoluta para o Partido Popular. Porén, estas votacións deixan un Vox fortalecido e fai ao PP máis dependente da formación de ultradereita.
Estas eleccións supuxeron o afundimento do PSOE, que se deixou 14,16 puntos con respecto a 2023, até 25,7% dos votos e perdeu dez escanos, pasando dos 28 cos que contaba na Asemblea de Estremadura, até os 18 escanos que terá agora.
Unidas por Estremadura é a outra gañadora da noite, que gaña tres deputados con respecto a 2023, até alcanzar os 7 escanos, e suma 4,2 puntos, até os 10,24% dos votos. É o mellor resultado histórico en Estremadura do espazo á esquerda do PSOE.