O grupo de Meloni no Parlamento Europeo exclúe Alvise, mais integra dous dos deputados de SALF

Luis Pérez Fernández, coñecido coma Alvise, é o dirixente de Se acabó la fiesta. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O grupo dos Conservadores e Reformistas Europeos (ECR) prefire agardar a que se resolva a investigación aberta na Audiencia Nacional contra o líder de Se Acabó la Fiesta por suposto financiamento irregular.

O grupo dos Conservadores e Reformistas Europeos (ECR) do Parlamento Europeo, liderado polo partido ultradereitista Irmáns de Italia de Giorgia Meloni, integrou a dous dos tres eurodeputados da agrupación de electores Se Acabó La Fiesta (SALF), pero o seu líder, Luis 'Alvise' Pérez, quedou fóra.

Así o anunciou esta cuarta feira o vicepresidente do Parlamento Europeo que presidía a sesión plenaria nese momento, o socialista Javi López, ao comezo da sesión de votos. "Nora Junco e Diego Solier son membros de ECR desde hoxe", sinalou.

Nun comunicado, o grupo ultraconservador ECR precisou que a entrada de Junco e Solier prodúcese a título individual e non como membros de SALF. Así, o grupo parlamentario pasa a ter 80 membros, pero mantense como cuarta forza na Eurocámara, por detrás da alianza de Patriotas por Europa, impulsada polo ministro de Hungría, Viktor Orban, e no que figura o ultraespañolista Vox.

Sobre a exclusión de 'Alvise', fontes de ECR aclaran que teñen coñecemento da investigación aberta pola Audiencia Nacional na súa contra por presunto financiamento irregular. En consecuencia, queren esperar á resolución do caso antes de tomar unha decisión "definitiva" sobre a súa inclusión ou non na familia europea.

A agrupación pediuno en xullo

Os tres deputados de SALF solicitaron a ECR a súa entrada en xullo, decisión que o grupo pospuxo até setembro, alegando que debían examinar "detalladamente" a petición. Naquel momento, afirmaron que a resolución a tomaría o grupo no seu conxunto, formado por 78 deputados, de 20 partidos e 18 países, mentres que 'Alvise' xa daba por feita a súa integración na súa canle de Telegram.

ECR é a antiga familia de Vox no Parlamento Europeo, xa que os de Jorge Buxadé decidiron empezar esta lexislatura na alianza europea de Orban. 'Alvise' acusou mesmo a Vox de estar a vetar a entrada de SALF en ECR, pero Vox negouno.