A Fiscalía española investigará Alvise Pérez por financiamento ilegal nas europeas

O eurodeputado recibiu 100.000 euros en efectivo.
O líder ultra Alvise Pérez. (Foto: Europa Press)
O líder ultra Alvise Pérez. (Foto: Europa Press)

A Fiscalía española remitiu a cuarta feira ao Ministerio Público no Tribunal Supremo unha denuncia contra o eurodeputado ultradereitista Alvise Pérez, impulsor da formación Se Acabó La Fiesta, afirmando que hai indicios de financiamento ilegal da campaña, o que terá que avalar o alto tribunal ao ser aforado.

A pasada semana, o empresario do ámbito das criptomoedas Álvaro Romillo puxo en coñecemento da Fiscalía que lle entregou 100.000 euros en efectivo durante a campaña das eleccións ao Parlamento Europeo.

As conversas con Pérez facilitadas por Romillo confirman que o primeiro confesou que buscaba fondos para a campaña sen pasar polos procedementos legais, que implican o control do Tribunal de Contas.

O deputado no lexislativo comunitario ofreceuse a facer presión na Unión Europea (UE) para que adoptase normativas favorábeis ao seu negocio, así como no Estado español, asegurando que serían exixencias cando fose “chave” dun Goberno estatal integrado polo líder do Partido Popular (PP), Alberto Núñez Feixoo, e o da ultraespañolista Vox, Santiago Abascal.

A empresa de Romillo, que fechou pouco antes da presentación da demanda alegando os efectos da súa proximidade pública con Pérez, foi denunciada por máis de 500 persoas por tratarse dunha “fraude” que segundo as primeiras estimacións superaría os 300 millóns de euros, convencendo persoas para que investiran e así reducir a súa carga tributaria.

Máis de 2.700 persoas terían sido estafadas no Estado español.

A sociedade ofrecía rendibilidades de 53% polos investimentos e o ano pasado a Comisión Nacional do Mercado de Valores ratificou que non contaba coa autorización legal precisa para esa actividade.

Comentarios