Groenlandia exixe "respecto" aos EUA e rexeita as "fantasías" de anexión da illa

O presidente dos EUA, Donald Trump, reclama o control do territorio de Groenlandia, abrindo un conflito con Dinamarca e coa propia illa.
O primeiro ministro de Grenlandia, Jens Frederik Nielsen. (Foto: Fred Marvaux / European Parliament / DPA)
O primeiro ministro de Grenlandia, Jens Frederik Nielsen. (Foto: Fred Marvaux / European Parliament / DPA)

O primeiro ministro de Groenlandia, Jens Frederik Nielsen, reclamou esta segunda feira "respecto" ao presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, de quen criticou a súa retórica intervencionista e, aínda deixando aberta a porta ao diálogo, rexeitou as "fantasías" sobre unha potencial anexión do territorio aos EUA.

Nielsen reaccionou nestes termos ante as afirmacións de Trump reclamando o control de Groenlandia "por motivos de seguridade" e criticando a xestión da illa por parte de Dinamarca.

"As ameazas, as presións e as conversacións sobre a anexión non teñen cabida entre amigos. Así non se fala cun pobo que demostrou responsabilidade, estabilidade e lealdade. Xa basta. Non máis presións. Non máis insinuacións. Non máis fantasías sobre a anexión", incidiu.

Pola súa parte, a primeira ministra de Dinamarca –a illa forma parte deste Estado, mais en 1979 obtivo o autogoberno–, Mette Frederiksen, instou "encarecidamente" os EUA a "pór fin ás ameazas" a Groenlandia.

"Insto encarecidamente os Estados Unidos a que poñan fin ás ameazas contra un aliado historicamente próximo e contra outro país e outro pobo, que dixeron claramente que non están en venda", aseverou o domingo.

"Xa temos un acordo de defensa entre o Reino e os Estados Unidos que outorga aos EUA un amplo acceso a Groenlandia e investimos significativamente en seguridade no Ártico", afirmou antes de lembrar que a illa forma parte de territorio OTAN.

Con todo, Trump respondeu es palabras da danesa reiterando o seu reclamo da illa por "seguridade nacional". Todo isto despois de que a muller dun dos seus asesores na Casa Branca publicara un mapa de Groenlandia coa bandeira dos EUA e acompañado do texto: "Cedo".

Nova ameaza sobre Irán

Trump, en declaracións a xornalistas desde o Air Force One, tamén incidiu nas ameazas sobre Irán ao afirmar que os Estados Unidos de América "golpearán moi duro" o país persa se este persiste, segundo aseverou, na represión das protestas.

Comentarios