Grecia convoca un referendo sobre a última oferta da UE que Tsipras xulga inaceptábel

A votación será o próximo domingo 5 de xullo despois de non chegar un acordo co Eurogrupo. 

Tsipras europeo


O primeiro ministro de Grecia, Alexis Tsipras, anunciou esta madrugada a convocatoria dun referendo o próximo 5 de xullo onde o pobo heleno decidirá se acepta a última oferta da Unión Europea. Tsipras, nun discurso en directo, cualificou de “inaceptábeis” as medidas impostas pola Troika e cumpriu a súa promesa de convocar unha votación en caso de cruzar as liñas vermellas marcadas polo Goberno heleno.

“Os acredores piden medidas que prexudicarán a clase traballadora e os pensionistas”, manifestou, e engadiu que “desde hai seis meses o Goberno deu a batalla en condicións de asfixia económica para reverter a austeridade”. Por ese motivo, asegurou, convoca un referendo “por nós, pola futuras xeracións, pola soberanía e a dignidade do noso pobo”. 

Tsipras pedirá unha moratoria do actual rescate -que remata o día 30- para que o pobo grego “decida sen presión”.

Este sábado está fixada unha reunión extraordinaria do Eurogrupo para tratar de desbloquear as negociacións. Mais durante as últimas xornadas, as declaracións dos líderes europeos e de representantes gregos anticipaban que o acordo estaba lonxe de acadarse. A palabra “ruptura” apareceu en escena, aínda que as posicións están máis próximas que no inicio das conversas. 

En tres días, remata a prórroga do actual pacote de rescate da Troika. Tsipras pedirá unha moratoria para que o pobo grego “decida sen presión”. Varios ministros gregos anunciaron que votarán non no referendo que, porén, non significaría a saída da Unión Europea. 

Comentarios