Grecia, colapsada polas peticións de asilo
Das 400 persoas que a UE se comprometeu a enviar ao país para tramitar as solicitudes só chegaron 30. A Comisión propón centralizar as tramitacións nunha 'fiestra única' europea.
Após a entrada en vigor do acordo asinado entre a UE e Turquía e de se iniciaren as primeiras deportacións de persoas refuxidas na segunda feira, Grecia paralizou o proceso colapsada polas peticións de asilo recibidas. O caos e a improvisación á hora de levar á práctica o acordo están a sobardar as propias capacidades xudiciais gregas.
Grecia só recibiu 30 persoas procedentes da UE para estudar as solicitudes de asilo malia comprometérense a encamiñar 400
E é que das 400 persoas que o Consello europeo se comprometeu a enviar --procedentes dos 28 Estados membros-- para desenvolver o estudo das solicitudes, a Grecia só chegaron 30.
Neste contexto, o diario inglés The Guardian informaba o 5 de abril da expulsión de 13 persoas procedentes das illas gregas con dirección aos campos de Turquía ás que non lles fora tramitada a súa solicitude de asilo. Uns dados recoñecidos polo representante de ACNUR para Europa, Vincent Cochetel e que atinxiton 13 persoas de Afganistán e Congo.
Centralizar o estudo das solicitudes na EASO
Perante o colapso, a Comisión europea está a valorar a posibilidade de constituír unha 'fiestra única' para a tramitación e estudo das solicitudes de asilo. Isto suporía a modificación do actual Regulamento de Dublín polo que se determina a que país lle corresponde a avaliación das mesmas. Unha medida que atinxe, para alén dos 28 Estados membros, a Reino Unido, Irlanda, Dinamarca e Islandia, Noruega, Suíza e Liechestein. Unha tarefa que sería asumida pola Oficina europea de apoio ao asilo (EASO, nas súas siglas en inglés) e cuxo obxectivo sería, para alén de xerir a 'fiestra única', vixiar que os Estados membros dan cumprimento ás cotas de reasentamento fixadas no mes de setembro de 2015.
O Estado español só reasentou 18 persoas refuxiadas, ningunha procedente de Grecia
Cumpre lembrar que, de acordo cos dados fornecidos pola Comisión europea, até o momento apenas foron reasentadas unha ínfima parte das persoas refuxiadas. No caso do Estado español, 18 procedentes de Italia, ningunha de Grecia, embora o presidente do goberno español en funcións se gabase esta cuarta feira no pleno do Congreso da súa xestión da crise humana que atinxe a UE.