BRAIS BARCIA, DE MÉDICOS DO MUNDO

“A UE non presentou un só dato económico que diga que acoller as persoas refuxiadas é inviábel”

[Imaxe: United Nation Photo] Refuxiados

Brais Barcia, de Médicos do Mundo, participa esta cuarta feira en Compostela no acto 'Galiza solidaria coas persoas refuxiadas', organizada polo BNG. “Non acollelos é unha decisión simplemente política, que non procuren outras xustificacións”, insiste.

O acto “Galiza solidaria coas persoas refuxiadas”, que decorre esta cuarta feira ás 20:00 horas no café SCQ (rúa das Orfas, Compostela) contará coa participación da portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, do antimilitarista Xesús Domínguez e do secretario de Médicos do Mundo, Brais Barcia. Falamos con este último.

O acordo da UE e Turquía está cada vez máis en entredito, con acusacións de escasa legalidade...

Non é de estrañar. Dúbidas sobre este tratado, todas. E sobre o que acontece nos campos. Un exemplo; na documentación que se lles entregaba no campo de Moria (Lesbos) ás persoas que chegaban informábaselles de que tiña dereito a tradutor e avogado. Non os había. Así se actuaba. E as persoas voluntarias tentaban suplir iso, facendo de tradutores e de avogados.

"Os poderes insisten en diferenciar entre sirios e non sirios, e iso unicamente para non recoñecer ningún dereito a estes segundos"

Un tema a destacar é como se intenta diferenciar entre refuxiados sirios e refuxiados que non son de Siria, cando a guerra non afecta só a sirios, é algo que se estende por máis zonas. E faise a diferencia unicamente para non recoñecer ningún dereito aos que non son sirios.

As persoas que procuraban refuxio non están só en Grecia, hainas tamén en máis territorios, como Serbia, onde lles colleu o feche das fronteiras. Que condicións están a padecer?

Unha compañeira acaba de chegar de alí, do campo de Moria. Antes do 20 de marzo [data de sinatura do acordo entre UE e Turquía] había un punto de rexistro na entrada ao campo. A xente que chegaba inscribíase e recibía unha primeira atención. Alí atopas de todo, claro, desde xente que sufriu amputacións após cruzar Irán a pé até menores que chegan sós porque nalgún punto do camiño ficaron afastados das súas familias.

MSF e Acnur xa non prestan axuda en campos...

Os campos de refuxiados pasaron ser campos de detención, non é que non esteamos e que, por dicilo dalgunha maneira, botáronnos. Non só a ONGs senón tamén a moitos voluntarios que estaban “sen ataduras”...

A xente neste país vai moi por diante das institucións. Desde voluntarios que, pola súa conta e risco marcharon para os campamentos a axudar, até colexios que se puxeron a organizar recollidas de alimentos con enorme éxito

Pode a desesperación anegar os campos de refuxiados?

Cando un bote chegaba a Lesbos, e as persoas ían rexistrarse ao campo, chegaban coa impresión de que en parte chegaran á meta, a Europa, pensaban que chegaban á solución. E iso malia que tiñan certa información sobre o que podía pasarlles, mais eles crían que estaban no comezo de que as cousas fosen a mellor. E era descorozonador velos cando se decataban que non era así.

En Moria hai máis de 2 mil persoas presas, que chegaron após a entrada en vigor do acordo, entre elas, crianzas, o que é ilegal segundo o Dereito Internacional.

Bon, a legalidade brilla pola súa ausencia en todo isto. Antes do acordo, os menores sen acompañamento eran levados a un campo distinto. Despois de dúas semanas alí, deixábanos marchar. Imaxínate a situación. Despois do acordo, empeorou todo.

E como valorades o papel dos gobernos da UE?

A compañeira que estaba nun dos campos dicía o desesperante que era non ter sequera mantas para cubrir esas persoas que viñan pedir refuxio. Iso dío todo. Miles de millóns para o acordo con Turquía, mais despois nada para medidamentos cos que curar unha simple gripe neses campamentos. O que hai que denunciar é que todo isto é unha decisión política. A Unión Europea non presentou nin un só dato económico que diga que é inviábel acoller estas persoas. Ese argumento insistente, cansino... de que non se pode, que é inviábel... non está contrastado por un só dato obxectivo, nin un presentaron. É unha decisión política que adoptan e xa está. Hai que lembrar que Canadá ou Australia acollen refuxiados e as súas economías non se afunden, verdade?

E a a resposta social que se está a dar, como valorades esa actitude popular?

A xente neste país vai moi por diante das institucións. Desde voluntarios que, pola súa conta e risco marcharon para os campamentos a axudar, até colexios que se puxeron a organizar recollidas de alimentos con enorme éxito. Esta resposta dá folgos, comprobamos que si, que outro mundo é posíbel. Na Galiza a xente estase a implicar moito, eu creo que máis que no resto do Estado? Por que? Pois non sabería dicir, quizás porque moita xente da que foi aló nun principio foi quen de trasladar o seu testemuño aquí. Pero o certo é que estamos alucinando coa resposta. Cando se dan estes estoupidos de solidariedade, algo importante é canalizalo, que non fique en nada cando pase o momento máis álxido. E é importante non perder de vista que a solución é política.