Oriente Próximo

Gol dos 'lobbies' pro-Israel no seo da UE

O Parlamento dos Países Baixos decide recortar a axuda que envía á Autoridade Nacional Palestina para o pagamento de salarios do funcionariado de xustiza. Por outra banda, Israel entra na parálise política tras a imputación de Netanyahu.
escola-unrwa
photo_camera Alumnos dunha escola financiada pola UNRWA [Europa Press]

O Goberno dos Países Baixos deixará de enviar 1,5 millóns de dólares ao ano á Autoridade Nacional Palestina (ANP) porque considera que este diñeiro está a ser desviado ás familias dos asasinados ou encarcerados por Israel, que acusa a ANP de «apoiar o terrorismo». 

A decisión chega despois da aprobación esta semana no Parlamento dunha moción impulsada por lobbies pro-israelís, que levan anos tentando convencer o Executivo de que deixe de asistir economicamente a ANP. 

A prestación económica por parte dos Gobernos da Unión Europea é unha práctica común, tanto de forma bilateral entre os Estados e a ANP como directamente desde UE no seu conxunto. Esta última faise a través do programa Pegase, en materia de apoio orzamentario destinado ao Ministerio de Finanzas da ANP. 

Segundo os datos achegados pola propia UE, desde a súa entrada en funcionamento (2008) a contribución ao Pegase atinxiu os 152,5 millóns de euros en 2018, dos que 85 millóns foron destinados a salarios e pensións, 50 millóns a apoiar as familias palestinas máis vulnerábeis e 13 millóns aos hospitais de Xerusalén Leste.

O Pegase naceu co convencemento por parte da UE, que é o principal doador de Palestina, de que as contribucións servirían como parte da asistencia internacional para axudar a construír un Estado palestino. Porén, os observadores locais consideran que, malia que os fondos son necesarios, tamén axudan a manter a situación actual, sen contribuír á independencia do pobo.

«Conversas infrutuosas»

A asistencia económica cancelada agora por parte do Goberno dos Países Baixos servía para pagar os salarios das traballadoras e dos traballadores do Ministerio de Xustiza palestino.

«Aínda que as conversas coa Autoridade Palestina sobre este tema foron construtivas, non levaron ao resultado desexado e, polo tanto, os Países Baixos non contribuirán máis aos salarios no sector da xustiza», informou o Goberno nun comunicado.

anp

Con todo, o país mantén a colaboración a través das canles da Unión Europea na axuda ao desenvolvemento da economía de Palestina e ás refuxiadas e aos refuxiados. Polo de agora.

20 mil euros anuais desde Galiza

No que se refire ao Estado español, segundo informa o Ministerio de Asuntos Exteriores, o  V Plan Director da Cooperación Española (2018-2021) inclúe Palestina como «País de Asociación de Renda Media na rexión do Magreb e Oriente Medio». «O obxectivo global da Cooperación Española é a consecución dun Estado palestino viábel e democrático nunha rexión pacificada», informa o ministerio.

Pola súa banda, a Xunta de Galiza asina anualmente desde 2010 un convenio de colaboración coa Axencia das Nacións Unidas para as Refuxiadas e Refuxiados Palestinos (UNRWA), onde nos últimos anos se comprometeu a unha achega económica de 20 mil euros.

Nos convenios asinados, a Xunta mostra a súa «solidariedade coa poboación refuxiada de Palestina, a cal vive baixo dramáticas condicións, moita desta lonxe dos seus fogares, en campamentos», alén de «apoiar  aquelas iniciativas a prol da paz que se leven a cabo na rexión, co obxectivo de buscar unha solución pacífica ao problema dos refuxiados de Palestina baixo a Resolución 194 da Asemblea Xeral das Nacións Unidas».

Parálíse política

A imputación do primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, por graves delitos de corrupción complica aínda máis a situación política do país, que se encamiña cara ás terceiras eleccións en menos dun ano. 

Netanyahu, acusado a pasada quinta feira polo fiscal xeral de suborno, fraude e abuso de confianza en tres casos en curso -coñecidos como os casos 1.000, 2.000 e 4.000-, en principio, non está obrigado a dimitir porque aínda non hai condena firme contra el. 

netanyahu

Con todo a acusación fai case imposíbel a formación de Goberno no prazo estabelecido de tres semanas, que comezou a contar esta mesma pasada quinta feira, despois do cal se convocarían os novos comicios. 

A acusación sostén que Netanyahu fixo favores a Shaul Elovitch, o magnate propietario do portal de noticias Walla!, en troques de que cubrise favorabelmente novas sobre el e a súa familia.  

«Golpe de Estado»

Netanyahu, nunha intervención televisada desde a súa residencia oficial, rexeitou todas as acusacións, que cualificou de «falsas» e «motivadas politicamente», e asegurou que non dimitiría. 

«O que está a acontecer aquí é un intento de levar a cabo un golpe de Estado contra o primeiro ministro», advertiu, e asegurou que «o obxectivo foi a expulsión da dereita do Goberno».

Comentarios