Goberno e oposición venezolana asinan un acordo pola pandemia

Guaidó, ante as críticas desde a propia oposición, escudouse na crise humanitaria. "A nosa política céntrase en salvar vidas, en atender a urxencia e saír da ditadura", dixo en Twitter.
2020060314242693015
photo_camera Un axente da Policía Nacional chama a manter a distancia física (Roman Camacho / SOPA)

O Goberno de Venezuela e os principais partidos da oposición que lidera Juan Guaidó alcanzaron un acordo para facer fronte á pandemia de coronavirus no país, que conta con 1.818 casos e 156 mortes por mor da COVID-19, segundo informaron ambas as dúas partes.

Os asinantes son o chamado G4, o núcleo duro da oposición venezolana: Vontade Popular, ao que pertencen Guaidó e Leopoldo López; Primeiro Xustiza, de Henrique Capriles e Julio Borges; Acción Democrática e Un Novo Tempo. Por parte do Goberno, a firma é a do ministro de Saúde, Carlos Alvarado.

Ademais, participan no acordo o doutor Julio Castro, asesor en temas de saúde da Asemblea Nacional, e o doutor Gerardo de Cossio, representante da Organización Panamericana da Saúde (OPS) en Venezuela.

"Se o diaño quere colaborar e faino en termos que sexan positivos para Venezuela, dicímoslle ao diaño que firme un convenio e co diaño traballaremos para podermos de maneira mancomunada traballar contra a pandemia", dixo o vicepresidente de Comunicación e Información, Jorge Rodríguez, que anunciou o acordo nunha conferencia de prensa.

O texto conta con sete puntos. A detección de casos activos a través dos diagnósticos de laboratorio e o seu tratamento oportuno son os máis relevantes.

Críticas na oposición

Pola súa banda, o gabinete de Guaidó emitiu un comunicado onde destaca que é "un acordo que permitirá á OPS recibir e executar axuda humanitaria ante a COVID-19 en Venezuela".

O equipo do autoproclamado "presidente encargado" aclarou que o "requisito final posto pola OPS para proceder a recibir os fondos aprobados" é que "os actores da ditadura se comprometan a non pór obstáculos á execución do programa".

Guaidó, ante as críticas desde a propia oposición, escudouse na crise humanitaria. "A nosa política céntrase en salvar vidas, en atender a urxencia e saír da ditadura", dixo en Twitter.

Comentarios