O Goberno belga anuncia que tamén recoñecerá o Estado de Palestina
Veto aos bens dos asentamentos israelís e ao "sobrevoo e tránsito".
Despois de soster que habería unha “crise grave” no Executivo belga no caso de non adoptarse unha postura máis enérxica contra o xenocidio que perpetra Israel en Gaza, o ministro de Exteriores, Maxime Prévot, fixo público na madrugada da terza feira que recoñecerán o Estado de Palestina e implementarán “sancións firmes” contra o réxime sionista.
Desta maneira, o Estado súmase a Francia, o Reino Unido, o Canadá ou Australia, que confirmaron que procederán co recoñecemento na Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU), que comeza o 9 de setembro.
Con todo, Prévot matizou que no seu caso non se levará a cabo a “formalización administrativa” até que “o último refén [israelí] sexa liberado e Hamás xa non asuma a xestión de Palestina”.
Asemade, pormenorizou que resolveron aplicar 12 sancións, como a prohibición á importación de produtos dos asentamentos coloniais en Cisxordania ou “de sobrevoo ou tránsito”. Tamén incluíron na relación de persoas non gratas en territorio belga “dous ministros israelís extremistas, varios colonos violentos e dirixentes de Hamás”.
Ao tempo, revisarán “a política de compras públicas con empresas israelís” e “posíbeis procedementos xudiciais”, e apoiarán que a Unión Europea (UE) suspenda o acordo de asociación co réxime israelí.
No marco da impunidade que os seus aliados lle garantiron até o de agora, a prensa israelí reportou que membros do Executivo de ultradereita estudarán mañá a anexión de partes de Cisxordania en resposta ao recoñecemento internacional de Palestina.
Na Faixa, o Ministerio de Saúde informou de que se produciron 13 novas mortes por inanición, 361 en total. Delas, 130 corresponden a nenas e nenos.
