Os gases de efecto invernadoiro na atmosfera marcan un novo récord, co Acordo de París "moi lonxe" de cumprirse
A concentración na atmosfera dos principais gases que producen o cambio climático alcanzou en 2023 un novo récord, asegurou a segunda feira un informe da Organización Meteorolóxica Mundial (OMM). As 420 partes por millón de dióxido de carbono, 1.934 por mil millóns de metano e as 336,9 por mil millóns de óxido nitroso supoñen unha suba de 151%, 265% e 125% respectivamente en relación á época preindustrial.
“Outro ano, outro récord, isto debería facer saltar as alarmas entre as instancias decisivas, non hai dúbida de que estamos moi lonxe de cumprir o obxectivo do Acordo de París”, remarcou Celeste Saulo, secretaria xeral do organismo da Organización das Nacións Unidas (ONU), en alusión ao pacto rubricado en 2016 pola comunidade internacional para limitar a 1,5ºC a alza da temperatura global.
Á vez, a Convención Marco da ONU sobre o Cambio Climático trasladou que, fronte ao recorte de 43% nas emisións que se necesita para manterse dentro dese limiar e evitar os peores efectos do quecemento global, os plans estatais suman 2,6%.