A Garda Civil rexistra o despacho do fiscal xeral e incauta os seus dispositivos electrónicos

Xa estaba imputado por revelación de secretos.
A. G. Ortiz a terza feira. (Foto: Juanma Serrano / Europa Press)
A. G. Ortiz a terza feira. (Foto: Juanma Serrano / Europa Press)

A Garda Civil entrou a cuarta feira no despacho do fiscal xeral do Estado español, Álvaro García Ortiz, para rexistralo e incautar os seus dispositivos electrónicos. Pouco antes, o xuíz do Tribunal Supremo Ángel Luis Hurtado emitira un auto para reclamar a forza de seguridade que se fixese cos dispositivos, amais de con “obxectos, documentos e demais efectos que puidesen ter relación cun delito de revelación de secretos”. En paralelo, ordenou o rexistro do despacho da fiscal xefe da Comunidade de Madrid, Pilar Rodríguez.

O maxistrado tamén demandou ao “persoal informático da Fiscalía, ou ao máis adecuado para iso”, que identifique “todas as contas de correo electrónico utilizadas” polo líder do Ministerio Público, designado polo Executivo en 2022 para substituír Dolores Delgado.

Desde a fin da ditadura de extrema dereita no Estado español Ortiz converteuse no primeiro fiscal xeral imputado este mes, cando a Sala do Penal do Supremo validou este paso a raíz da querela presentada por Alberto González Amador, parella de Isabel Díaz Ayuso (Partido Popular, PP), presidenta da Comunidade de Madrid.

Amador deixou de pagar 350.000 euros en impostos das declaracións fiscais de 2021 e 2022 grazas a unha trama de facturas falsas con empresas pantasma, facturando 1,7 millóns de euros en gastos ficticios.

Ao transcender o caso, os conservadores iniciaron unha campaña para, por unha parte, acusar de supostos delitos Begoña Gómez, a parella do presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez (PSOE), agora imputada por tráfico de influencias, corrupción nos negocios, apropiación indebida e intrusismo profesional co apoio da Xustiza española, controlada precisamente polos conservadores, e pola outra culpar o fiscal xeral da filtración a medios de comunicación dun correo do avogado de Amador á Fiscalía Provincial de Madrid no que recoñecía “integramente os feitos” e se comprometía a pagar o defraudado e os xuros correspondentes.

Aínda que o alto tribunal non ten probas de onde se orixinou a filtración na noite do 13 de marzo basea a investigación en que Ortiz e Rodríguez tiñan no seu poder a misiva nese momento.

A difusión dese documento supuxo frear unha operación de desinformación procedente da contorna de Ayuso, asegurando que a Fiscalía ofrecera un pacto a Amador e despois o retirara por orde de Ortiz, e con posterioridade a Fiscalía madrileña comunicou que foi o avogado da parella da mandataria territorial o que intentara alcanzar ese entendemento co Ministerio Público.

Comentarios