O gaélico, por fin, camiño da oficialidade en Irlanda do Norte

O acordo acadado entre nacionalistas e unionistas na sexta feira para restaurar o autogoberno en Irlanda do Norte após 3 anos de parálise contempla unha lei para a lingua irlandesa.

Irlanda gaélico belfast
photo_camera Manifestación en Belfast a favor do gaélico.

O pasado sábado a asemblea de Stormont, órgano lexislativo de Irlanda do Norte, volveu reunirse após 3 anos de parálise despois ruptura do goberno entre os unionistas do DUP e os republicanos do Sinn Fénn – partidos maioritarios nas súas respectivas comunidades, pro británica e proirlandesa-.

Despois de 9 meses de intensas negociacións, acadouse un acordo, plasmado no documento ‘Nova década, novo enfoque’ para reactivar o autogoberno. Un acordo que e conseguiu case no asubío final: de non habelo esta segunda feira convocaríanse novas eleccións.

Nese acordo plásmanse cuestións de importancia, como as mudanzas no dereito a veto ou temas de financiamento. Mais hai un, que polo seu simbolismo, merece ser tamén destacado: a Lei da Lingua Irlandesa.

O Sinn Féin demandaba unha lei específica para protexer e promover o gaélico nos seis condados, algo que non gostaba ao unionismo, partidario de diluír esa norma nun documento cultural máis amplo que abranguese tamén cuestións de interese para os unionistas.

O acordó contempla cuestións como que as sesión do Parlamento norirlandés poderán desenvolverse en gaélico, así como as comunicación dos ministerios. O gaélico ten agora, “por primeira vez, recoñecemento oficial como lingua” en Irlanda do Norte.

Ademais, hai un recoñecemento expreso do ‘ulster-scots’, que a comunidade unionista defende como a súa cultura.

Historia

En 2006 prometeuse unha lei para a lingua irlandesa en Irlanda do Norte como parte do acordo de San Andrés, o pacto acadado en 2006 entre os gobernos irlandés e británico, así como de formacións políticas de Irlanda do Norte, e polo que se devolvía a autonomía a esa zona. Catorce anos despois daquel compromiso, este continúa sen cumprirse no referente ao idioma gaélico.

Nos últimos anos tiveron lugar diferentes mobilizacións e accións para reclamar unha lei para o irlandés.  Segundo o censo do 2011 nos seis condados hai 65.000 persoas que nalgún momento falan gaélico, 4% da poboación. A única protección que até o de agora ten ese idioma en Irlanda do Norte é a que deriva de que o Reino Unido ratificou a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias.

En 1840 o 90% de Irlanda falaba gaélico. Na actualidade, apenas 78.000 persoas en toda a illa afirman falar gaélico a diario (sen contabilizar os estudantes dese idioma). Se ben hai enquisas que indican que por volta dun millón setecentos mil habitantes din que teñen coñecementos como para poder falar o irlandés desde organizacións de defensa do idioma relativizan esa cifra: “É máis ben un indicador  de boa vontade”, teñen afirmado desde a Liga gaélica.

Dentro da illa, a situación máis precaria é nos seis condados baixo dominio de Reino Unido, a zona coñecida como Ulster ou Irlanda do Norte. Na mesma é onde están as porcentaxes máis baixas de coñecedores e falantes de gaélico. A oposición durante décadas dos protestantes a calquera mínimo avanzo en dereitos lingüísticos mantivo o irlandés sometido a unha especie de ‘apartheid’. “Lingua de leprosos” cualificou o reverendo Ian Pasley, máxima figura do unionismo, ao gaélico.

Comentarios