Fontes dos EUA, Israel, Qatar e Hamás confirman un alto o fogo no xenocidio en Gaza

Neno entre os cascallos que deixaron os ataques israelís en Gaza, o 15 de xaneiro de 2025. (Foto: Omar Ashtawy / Zuma Press / ContactoPhoto)
Albares reunirase a quinta feira co líder xihadista sirio.

Un funcionario estadounidense e outro israelí trasladaron a cuarta feira ao xornal The Jerusalem Post que o Goberno de ultradereita sionista e Hamás, que controla Gaza, fecharon un acordo para un alto o fogo no enclave, cuxo borrador final detalla unha primeira fase de seis semanas, que implica o intercambio de persoas israelís presas en Gaza por palestinas detidas en Israel. Isto foi ratificado á axencia AP por fontes qatarís e de Hamás.

Tamén o presidente electo dos Estados Unidos, Donald Trump, que presionou Israel para rubricalo antes da súa toma de posesión o primeiro día da próxima semana, fixo público o pacto cunha tregua no xenocidio que os sionistas están a perpetrar na Faixa desde outubro de 2023.

Malia que nas últimas xornadas o acordo estaba moi perto, medios árabes reportaron a cuarta feira que o primeiro ministro do réxime israelí, Benjamin Netanyahu, intentou introducir novas condicións ao xa pactado, como a inclusión de soldados nos intercambios da primeira fase, unha das vías coas que o líder sionista obstaculizou e impediu un alto o fogo no último ano.

O secretario de Estado estadounidense, Antony Blinken, asegurou que a Autoridade Nacional Palestina, que goberna Cisxordania, debe asumir o control de Gaza após emprender reformas, facendo énfase en que “os israelís deben abandonar o mito de que poden levar a cabo unha anexión de facto sen custos nin consecuencias”, nunha intervención en Washington na que foi interrompido por manifestantes que berraban “criminal de guerra brutal” e “secretario de xenocidio”, en referencia ao apoio do país ás accións israelís mentres continuaba enviándolle armas.

A terza feira xa transcendera que Hamás dera luz verde ao acordo, o que á hora do feche desta edición non se constatara en Israel. Asemade, as tropas israelís intensificaron os bombardeos indiscriminados en Gaza, onde asasinaron case 47.000 persoas no xenocidio.

Albares no Líbano

José Manuel Albares, ministro de Exteriores do Estado español, reuniuse onte co novo presidente do Líbano, Joseph Aoun, nunha visita na que anunciou un paquete de 10 millóns de euros para as Forzas Armadas libanesas, apoiando que “poidan despregarse no sur do país”, como parte do alto o fogo entre Israel e Hezbolá, e que a tregua “se converta en permanente” cando expire o 26 de xaneiro o prazo inicial.

A quinta feira, Albares programa desprazarse a Siria para xuntarse con Mohammad al Golani, o líder xihadista que controla a meirande parte do país.