A Fiscalía pide prisión provisional sen fianza para o empresario que doou 100.000 euros a Alvise

Perto de 2.700 persoas foron "estafadas" por Álvaro Romillo, coñecido como CryptoSpain, a través da plataforma Madeira Invest Club (MIC),
Álvaro Romillo, o 11 de xullo de 2025 ás portas do Tribunal Supremo. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
Álvaro Romillo, o 11 de xullo de 2025 ás portas do Tribunal Supremo. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

A Fiscalía da Audiencia Nacional solicitou prisión provisional sen fianza para o empresario Álvaro Romillo, coñecido como CryptoSpain, investigado por unha presunta estafa piramidal a través da plataforma Madeira Invest Club (MIC). O home foi detido esta quinta feira despois de que se localizase unha conta en Singapur con 29 millóns de euros vinculada a el, o que fixo saltar as alarmas polo risco de fuga.

Romillo, coñecido tamén por ter doado 100.000 euros ao eurodeputado Luis 'Alvise' Pérez, compareceu esta sexta feira ante o xuíz José Luis Calama, titular do Xulgado Central de Instrución número 4, e recoñeceu que existen unhas 2.700 persoas afectadas. Segundo fontes xudiciais, asegurou que os investidores "recuperaron o diñeiro en metálico" e negou calquera delito de alzamento de bens.

O empresario declarou a súa "vontade de colaborar coa xustiza", mais as acusacións —que se adheriron á petición de prisión— subliñaron que Romillo está hospedado nun hotel de cinco estrelas en Madrid, malia afirmar que carece de recursos económicos.

Fóra da Audiencia Nacional, unha decena de persoas identificadas como vítimas da presunta fraude agardaban a súa chegada. "Queremos recuperar o noso diñeiro, Alvise non nos importa", expresou un dos afectados.

Segundo o auto xudicial, Romillo desenvolveu entre xaneiro de 2023 e setembro de 2024 un "negocio fraudulento de captación masiva de fondos desviados ao seu propio patrimonio", aproveitando a súa popularidade nas redes sociais e ofrecendo supostas rendibilidades do 20% anual.

Un informe da Axencia Tributaria tamén alertou das "estratexias de elusión fiscal" do empresario, incluíndo o uso de sociedades offshore, gastos artificiais e a simulación de residencia noutros países, prácticas que poderían supor, segundo o documento, unha "defraudación tributaria evidente".

Comentarios