Fidel Castro reaparece nas eleccións á Asemblea Nacional Popular cubana

O líder revolucionario non participaba nuns comicios desde 2006.

 

Fidel Castro Ruz exerceu o seu dereito a voto nas eleccións á Asemblea Nacional Popular desenvolvidas este domingo en Cuba. Os comicios renovarán @s 612 deputad@s do Parlamento e @s máis de 1.200 delegad@s das Asembleas provinciais.

Na súa chegada ao colexio electoral nº1 do distrito da Revolución, na capital cubana, Castro permaneceu durante máis dunha hora conversando con xornalistas sobre diversos temas de actualidade entre os que subliñou "o perigo da guerra" perante os acontecementos decorridos na Siria e os recentes ataques levados a cabo por Israel.  

As eleccións na illa --que se desenvolven cada cinco anos, (dous e medio no caso das municipais)-- contaron cunha participación masiva. O presidente parlamentar, Ricardo Alarcón --que non foi presentado candidato, polo que non poderá ser re-eleito presidente da Cámara-- asegurou que os comicios son unha "oportunidade para reafirmar e exercer a soberanía nacional" ao se tratar dun sistema electoral propio, as máis das veces cuestionado desde occidente. Neste senso, o analista político, Iroel Sánchez afirmou en declaracións ao portal de información dixital RT que o réxime electoral cubano "é moito máis democrático" que o "dalgúns países europeos". Así Sánchez preguntouse "que pasaría se en EUA ou Europa fosen os veciños en troca dos partidos" os que fosen eleitos polos seus barrios "sen que mediara ningún diñeiro, ningunha maquinaria política".