Fidel Castro despide a Chávez e di del que foi "o mellor amigo do pobo cubano"

Ambos os dous líderes amosaron sempre unha estreita relación política e persoal. Fidel asegura que após o pasamento do presidente bolivariano o que lle resta ao pobo cubano é teren partillado os mesmos ideais "de xustiza social e de apoio aos explotados".

Entre frases de José Martí e Simón Bolívar o comandante en xefe da Revolución cubana publica esta segunda feira un artigo de opinión intitulado Perdemos ao noso mellor amigo. Fidel Castro asegura que malia coñeceren "o estado crítico da súa saúde" a chamada telefónica que lle comunicou o pasamento de Hugo Chávez "golpeounos con forza". O líder bolivariano, que recibiu tratamento en Cuba durante a súa enfermidade amosárase ao longo da súa vida moi unido ao Goberno de Fidel Castro e mesmo, lembra na súa amigábel exequia o ex-presidente cubano, ironizaba con que ambos os dous remataría á beira do río venezolano Arauca "cando concluíramos a nosa tarefa revolucionaria".

Destarte, Fidel asegura que pouco despois do trunfo revolucionario en Cuba nunha viaxe a Venezuela para agradecer ao goberno a entrega de 150 fusís en 1958 el propio pronosticara o papel que anos despois o país de Simón Bolívar xogaría na "unión dos pobos de América". "Iso dixen aquel día e hoxe, 54 anos despois ratifícoo!" sentenza o líder cubano quen di de Chávez, "nin sequera el el mesmo sospeitaba o grande que era".

Comentarios