Entrevista

Thamizhachi Thangapandian, poeta e deputada támil: "As feministas galegas e támiles comparten traballos comúns"

A poeta e activista támil Thamizhachi Thangapandian.
Thamizhachi Thangapandian é unha das figuras máis importantes da política de Támil Nadu. Escollida Deputada para o Lok Sabha, o parlamento da maior democracia do mundo, esta poeta e estudosa da literatura, defensora da lingua támil, transforma coa súa ollada atenta e xesto sempre amable e crítico todos os espazos que toca. Como poeta e activista visitou Galicia da man de Implicadas no Desenvolvemento no ano 2015. Agora fala dos desafíos aos que se enfronta a nación támil na India de Modi nun contexto internacional convulso.

Thamizhachi recíbenos no seu apartamento de Delhi que, malia ser unha morada temporal, contén todos os trazos que a definen: atención aos detalles, recoñecemento das referentes, libros e obxectos que combinan a beleza co espírito rebelde daquela moza do rural támil que hoxe representa unha parte dos sesenta millóns de habitantes de Támil Nadu polo Dravida Munetra Kannagan (DMK), o partido nacionalista támil no Parlamento indio.

—Antes de entrares na política, xa eras unha escritora recoñecida. Como se realiza esa transición?
A poesía e a política non están tan distantes como parece. Unha poeta observa atenta o mundo, as súas inxustizas e os seus triunfos e destílaos en palabras para mover e conmover persoas. A política tamén trata de entender a sociedade, de defender as persoas e de traballar a prol dun cambio. A miña transición de poeta a política foi natural, impulsada por un fondo compromiso coa xustiza social e coa identidade támil. A escrita deume a habilidade de articular os esforzos das comunidades desfavorecidas

—Poderíasnos falar brevemente do DMK e de como as políticas deste partido nacionalista támil difiren das da India de Modi?
O Dravida Munnetra Kazhagam (DMK) é un partido fundado sobre os principios da xustiza social, o federalismo e a identidade lingüística. Configurouse a partir do chamado Movemento Dravídico impulsado antes da Independencia por reformistas sociais como Thanthai Periyar, Perarignar Anna, e Muthamizh Arignar Kalaignar, que loitaron contra a discriminación de casta, a desigualdade de xénero e a imposición dunha identidade nacional “india” unificada.

A filosofía racionalista de Periyar puxo as bases para o chamado “autorrespecto”, mentres que o liderado de Anna transformou o movemento nunha forza política poderosa que abandeiraba o orgullo támil e un goberno libre da opresión de casta e relixión. Kalaignar, unha figura fulcral da literatura e da política támil ampliou o traballo nos sucesivos gobernos que introduciron reformas pioneiras e que institucionalizaron a lingua e cultura támil.

O partido sempre se centrou no crecemento equitativo, na educación, no empoderamento das mulleres e no desenvolvemento económico. Co liderado do noso Presidente actual de Támil Nadu, M.K. Stalin, o goberno do DMK introduciu programas coma o 'Illam Thedi Kalvi' (educación á porta), o programa para a mocidade 'Naan Mudhalvan'  ou o de mellora da infraestrutura urbana. Estas iniciativas contrastan coas do goberno do BJP liderado por Narendra Modi, que defende un enfoque centralizador e impón unha suposta identidade nacional homoxénea que vai en contra da autonomía de todas as nacións da India e da súa diversidade cultural.

—Cales cres que son os efectos máis negativos das políticas de Modi sobre a poboación de Támil Nadu en particular e da India en xeral?
O noso maior desafío é a erosión dos nosos dereitos lingüísticos e culturais. A imposición do hindi é unha preocupación grave, dado que a lingua está vinculada a unha identidade. Ademais, a redución da autonomía dos estados federais afectou a capacidade do goberno támil para formular políticas axeitadas ás necesidades do seu pobo.

Dende o punto de vista económico, o cambio do IVE polo Imposto sobre Bens e Servizos (GST) afectou a Támil Nadu de xeito desproporcionado ao sermos un foco de produción e comercio.

A centralización do sistema fiscal reduce os ingresos dos estados federais e fai que sexa moi difícil podermos financiar iniciativas de benestar tan importantes coma o programa Pudhumai Penn que promove o acceso das rapazas á educación secundaria.

Ademais, a falla de respecto do goberno de Modi polo federalismo cooperativo fica clara na ausencia de apoio ás comunidades labregas de Támil Nadu nas disputas polo acceso á auga fronte a outros estados federais máis da súa corda.

A nivel do Estado é patente a supresión da disidencia, a erosión das institucións democráticas e o ataque sistemático ás minorías, que son tendencias fondamente preocupantes que ameazan a cerna máis esencial da nosa sociedade diversa e plural.

—Cales son os debates máis candentes no parlamento da India dende o punto de vista internacional e sobre todo a partir do inicio desta nova era Trump?
A política exterior india ten que estar asentada nos seus valores constitucionais: a democracia, o laicismo e os dereitos humanos. Co goberno de Modi, porén, hai unha viraxe cara a un nacionalismo estatal agresivo, a miúdo a custa da diplomacia estratéxica. A era Trump introduce novas incertezas na política mundial, sobre todo nas relacións comerciais, política de defensa e alianzas rexionais.

Cómpre que a India navegue estes desafíos con tino, garantindo que se protexen os seus intereses sen emperigoar os seus valores diplomáticos ancestrais.

No Parlamento debátese seriamente sobre como se posiciona a India na orde mundial, sobre todo co ascenso da influencia da China e as dinámicas en evolución constante da xeopolítica do sur de Asia. Os acordos de comercio, os compromisos ambientais e as colaboracións en materia de defensa deben afrontarse dende a transparencia e dun xeito que beneficie a cidadanía e non os intereses corporativos.

—Hai pouco publicaches os teus discursos no Lok Sabha, con que fin?
No Parlamento, os discursos non só tratan de política, son elementos de persuasión, de traer as preocupacións da cidadanía ao espazo público. Creo que a arte da oratoria, afianzada nunha sensibilidade literaria, pode elevar os debates parlamentarios alén de estatísticas e lexislación nun relato que vibre coa xente.

Publicar os meus discursos era un xeito de garantir que as voces e preocupacións da cidadanía que represento ficasen documentadas. Tamén é un recordatorio de que a política, na súa cerna, debe ter a xente, as súas aspiracións e experiencia vivida no centro.

—Como combinas dende o punto de vista práctico o teu perfil creador coa présa parlamentaria?
Para min a escrita non é só unha profesión, é un xeito de vida. Malia as miñas responsabilidades no Parlamento saco tempo para escribir porque é unha parte esencial da miña identidade. Levo sempre un caderno para ir anotando observacións, pensamentos e emocións. Cedo pola mañá ou pola noite adoito atopar o meu refuxio creativo.

Ademais, o traballo político impulsa a miña escrita. Os relatos da xente coa que me reúno, as súas loitas e a resiliencia das comunidades forman parte da miña expresión literaria. Tanto na política como na literatura, agardo contribuír a que Támil Nadu (e a India) sexa un lugar inclusivo, progresista e xusto.

—Que lembras da túa visita a Galicia no 2015 convidada por Implicadas no Desenvolvemento?
É un tempo do que gardo fermosos recordos. A tradución da miña antoloxía poética A violencia dun sorriso non foi só un fito literario senón un potente acto de solidariedade lingüística.

Os eventos que organizastes coa Sega, co Centro de Documentación e Estudos Feministas de Vigo ou o obradoiro de escrita constituíron animados espazos de diálogo nos que debatemos a intersección entre literatura, lingua e feminismo. Tamén foi para min moi importante traducir a antoloxía da túa poesía ao támil que titulamos கல்லின் கடுங்ககோபம் (A ira dunha pedra), que contribuíu a afianzar o intercambio cultural e a experiencia vivida das nosas dúas nacións.

As feministas galegas e támiles comparten traballos comúns: resistir a homoxeneización cultural, defender a igualdade de xénero e utilizar a literatura como ferramenta para o empoderamento. Continuar o noso diálogo entre culturas, seguir promovendo as traducións e a colaboración cos movementos de base pode crear pontes de solidariedade que transcenden a xeografía e que crean un mundo máis xusto e inclusivo.