Felipe VI esquiva as referencias a Juan Carlos I e á corrupción

O rei Felipe VI non mencionou no seu discurso de Nadal os escándalos de corrupción e lavado de cartos que cercan o rei emérito Juan Carlos I, nin tampouco se pronunciou sobre a fuxida deste aos Emiratos Árabes Unidos nin moito menos se referiu aos militares que escribiron chats golpistas e que o cartearon.
O rei Felipe VI no discruso de Nadal
photo_camera O rei Felipe VI no discurso de Nadal.

Era moita a expectación que este ano rodeaba o tradicional discurso de Nadal do rei de España, unha expectación que foi a máis polos silencios gardados desde o mes de marzo, cando no inicio do confinamento domiciliario a Casa Real emitía un comunicado escrito en que se anunciaba que Felipe VI renunciaba á herdanza económica de seu pai, Juan Carlos I, logo das informacións que sinalaban o actual monarca como beneficiario das fundacións Zagatka e Lucum, investigadas por lavado de cartos.

Mais Felipe VI non se pronunciou sobre esta cuestión nin tampouco o fixo sobre os outros escándalos de corrupción que rodean o seu pai, nin sobre a fuxida deste aos Emiratos Árabes Unidos.

O rei rodeou na súa mensaxe a lameira en que se atopa a Coroa sen nin sequera manchar os pés. “Xunto aos nosos principios democráticos e o deber de cumprir as leis, precisamos preservar os valores éticos e morais. Uns principios que nos obrigan a todos sen excepcións e que están por riba das consideracións mesmo familiares e persoais”, dixo Felipe de Borbón, afirmando que así o entendeu sempre desde o seu “primeiro día” de reinado.

O monarca iniciou o discurso da noite deste 24 de decembro chamando a afrontar o futuro con seguridade e con confianza “no noso país” (dixo en referencia a España) e “no noso modelo de convivencia democrática”, engadindo que “nin o virus nin a crise económica nos vai dobregar”. E para superar os retos sanitarios, sociais e económicos o monarca chamou á “unidade e a un grande esforzo nacional”, e enxalzou a Constitución española, lembrando que “todos temos o dereito de respectala e é o fundamento da convivencia social e política e representa un éxito para a democracia e a liberdade”.

Refírese á ditadura como "tempo de divisións"

Seguindo coa cuestión da Constitución, aseverou que “os avances e progreso conseguidos en democracia son o resultado de encontro” logo dun largo “tempo de enfrontamento e divisións”, dixo eludindo o termo “ditadura” ou golpe de Estado.

Sen mención aos militares golpistas

Tampouco o rei, xefe dos exércitos españois, aproveitou o discurso para desmarcarse nin condenar os militares que lle cartearon, nin tan sequera logo de saberse que estes militares tiñan un chat privado en que falaba de tentativas golpistas e de fusilar millóns de persoas no Estado. Distintas formacións políticas da esquerda e do soberanismo instaron Felipe VI a responder as cartas dos militares advertíndoo de que o silencio podía entenderse como complicidade. E o silenciou mantívose tamén este 24 de decembro.

Os escándalos de corrupción

Foi o pasado 3 de agosto cando o emérito escapou do Estado español aos Emiratos Árabes Unidos, cercado polas investigacións sobre corrupción. O pagamento dunha débeda coa Facenda de 678.393,72 euros correspondentes a exercicios fiscais posteriores á súa abdicación en 2014, é dicir, unha vez perdida a súa inmunidade como xefe do Estado, apuntaban un posíbel regreso do emérito polo Nadal.

Con todo, os fiscais aínda están estudando se ese pagamento descartaría o delito fiscal relacionado co uso de tarxetas bancarias con fondos opacos procedentes de doazóns do empresario mexicano Allen Sanginés-Krause.

Esta liña de investigación sobre gastos realizados con efectivo e que non foran declarados a Facenda únese outras dúas xa abertas contra o rei emérito, unha por posíbeis comisións procedentes do AVE á Meca e outra partiu dunha información procedente de "intelixencia financeira" e investigan se o ex xefe de Estado ten 10 millóns nunha conta na illa de Jersey, un paraíso fiscal.

Comentarios