Familiares das vítimas do franquismo exixen en Bruxelas verdade, xustiza e reparación
Van xa 10 anos do nacemento do Grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo e 50 anos desde a morte do ditador Francisco Franco. Dous aniversarios que serven como marco contextual para reivindicar e pór en perspectiva a importancia da loita antifascista galega. Unha loita que, aínda hoxe, segue máis viva ca nunca e que atopou algúns dos seus máximos representantes reunidos onte na Eurocámara de Bruxelas nunha xornada coorganizada pola eurodeputada galega Ana Miranda (BNG) baixo o título 'Franquismo sen Franco: legado autoritario, impunidade e esquecemento'.
Na presentación do acto, e con diferentes representantes dos membros do Grupo de Memoria Histórica do Parlamento, púxose especial énfase na importancia destas xornadas de encontro. En concreto, a posta en valor do traballo incansábel das asociacións pola memoria histórica, a preocupación pola deriva de ideas fascistas entre as persoas máis novas ou o recordo da denuncia da represión cultural e dos represaliados, familias e vítimas do franquismo centraron grande parte dos discursos de apertura.
Ana Miranda comezou a súa intervención lembrando as persoas familiares das persoas represaliadas presentes nestas xornadas, desde o irmán de Moncho Reboiras, Manuel; até a irmá de Humberto Baena, Flor; pasando pola sobriño de Sánchez Bravo, Luis Vera, unha pequena representación das voces que manteñen viva a historia recente da Galiza.
Todo isto nun discurso centrado na "desmemoria", con alusións ás leis de amnistía que manteñen "crimes de lesa humanidade aínda sen xulgar". Isto, nun contexto social e político no que, tal e como resaltou Miranda, o Franquismo aínda sobrevive. Por iso, a eurodeputada destacou a loita constante como garante de que "a memoria dos que deron a súa vida e a súa liberdade permaneza presente", cunha mensaxe final clara, "a loita continúa".
Unha lei sen memoria
O primeiro panel da tarde, 'Marco lexislativo do Estado español e desafíos do legado autoritario', centrou gran parte dos seus esforzos en diferentes temáticas arredor da Lei de Memoria Histórica de 2022. Con intervencións que aludiron a cuestións como as fendas da lei actual, os lugares de memoria ou as crianzas roubadas.
O panel converteuse nun espazo de diálogo plural que reuniu voces expertas de diferentes ámbitos e no que a representación galega estivo encabezada por Manuel Monge e Irene Álvarez.
Manuel Monge, colaborador de Nós Diario, escritor, profesor de ensino secundario e antigo presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, é un dos nomes máis destacados da loita memorialista na Galiza, con numerosos traballos dedicados á represión franquista e á historia dos movementos sociais. No seu discurso, Monge mostrouse contundente ao afirmar que "faleceu o ditador, mais pouco cambiaron as cousas". Así, a súa intervención mantivo o foco claro en todas as formas nas que o franquismo mantense aínda vivo no momento actual. Desde a Casa Cornide da Coruña, aínda propiedade da familia Franco, até as foxas aínda sen investigar, os policías torturadores, as fundacións franquistas, os ministros de Franco como fillos adoptivos de distintas cidades galegas… Todo isto acompañado dunha frase, "e non pasa nada". Como contrapunto, Manuel Monge fixo tamén referencia á aprobación no Parlamento Europeo da Resolución contra o avance do neofascismo en outubro de 2018, da que Ana Miranda foi correlatora, considerando tamén que é preciso un maior traballo e esforzo de autocrítica. Monge aproveitou a ocasión para denunciar, nas súas palabras, "o incumprimento xeneralizado da Lei de Memoria Democrática" e reclamar a adopción do ano 2026 como ano da memoria pois, como salienta, "chegamos 50 anos tarde e temos que pedir perdón".
Pola súa banda, Irene Álvarez, avogada e integrante do equipo xurídico de Ceaqua (Coordinadora Estatal de Apoio á Querela Arxentina) na Galiza, está implicada na defensa xudicial das vítimas do franquismo e na recuperación da memoria histórica desde unha perspectiva de dereitos humanos, contribuíndo a darlle visibilidade ás demandas de xustiza e reparación no ámbito internacional. Precisamente a súa intervención centrouse nesta Querela Arxentina, afirmando que "Arxentina foi e segue a ser un instrumento eficaz e de solidariedade internacional" e lembrando estes 15 anos desde o inicio da Querela. Todo isto sen esquecer a denuncia á oposición do Estado Español a estes avances, remarcando que "A Lei de Memoria Democrática non garante o acceso das vítimas á xustiza" e responsabilizando os tres poderes do Estado, xurídico, lexislativo e administrativo, deste incumprimento xudicial.
Baixo a idea de que "sen xustiza a verdade é imposíbel", Álvarez finalizou a súa intervención cunha frase de Chato Galante [referente do movemento da memoria] porque "aquí non se rende ninguén".
No segundo panel, 'Memoria activa fronte ao revisionismo histórico e a desmemoria', o foco recaeu nas activistas pola memoria e nas vítimas directas da represión franquista, nunha conversa centrada nas estratexias de resistencia ante o negacionismo e o esquecemento. O espazo do panel reivindicou a memoria democrática como ferramenta para entender quen somos e de onde vimos, mais tamén cara onde nos diriximos, nun exercicio de memoria polo futuro. Un futuro que, ademais, tal e como se sinalou nalgunhas das intervencións, debe chegar tamén até a educación a través de escolas e centros educativos. Para que a memoria permaneza a través das xeracións.
Neste contexto, e a través da voz de Flor Baena, a memoria do vigués Xosé Humberto Baena, un dos últimos cinco fusilados polo franquismo en setembro de 1975, volveu tomar a palabra. A súa intervención converteuse nun dos momentos máis emotivos da xornada, lembrando non só a figura do seu irmán, senón tamén a de todas as vítimas galegas da ditadura cuxas historias seguen a esixir verdade e reparación. Unha historia vital de represión que comeza cun acto tan sinxelo como pór unha necrolóxica no xornal e que deriva nun final obrigado a fuxir, a esconderse e a morrer por uns crimes que non se cometeron. Unha realidade feita historia e memoria que agora Flor Baena segue contando a través dos institutos da Galiza, aínda que onte se escoitara no Parlamento Europeo, para que, tal e como ela sinalou, "a xente moza saiba que era o que pasaba nesa época e non se esqueza".
Memoria, xustiza e reparación
A xornada fechou cun coloquio no que o protagonismo recaeu, tal e como se deixou entrever en toda a xornada, nas voces dos colectivos sociais vencellados á defensa da memoria. Grupos que dalgunha maneira foron tamén partícipes do grupo de memoria e que fixeron parte dos seus 10 anos de traxectoria. Organizacións que abranguen loitas como a reparación ás familias de crianzas roubadas, o cuestionamento á Lei de Amnistía, o estudo do exilio ou a reclamación dos espazos. Neste caso, a representación galega veu a través de Carlos Babío, coautor do ensaio Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio, ensaio que lle terminou por implicar unha denuncia por inxurias e calumnias por parte familia Franco. Unha denuncia que en xuño do ano 2021 era desestimada por parte da xustiza.
Na súa intervención, Babío comezou reivindicando o caso de Moncho Reboiras como un caso de "impunidade salvaxe", centrando o resto da súa intervención no caso do Pazo de Meirás e dos máis de 20 anos adicados á investigación sobre esta cuestión. Pondo tamén en valor o labor de divulgación e investigación na loita pola memoria e manifestando tamén a importancia, desde os seus inicios, do Pazo de Meirás na actividade do Grupo de Memoria Histórica.