A extrema-dereita, a un paso de gobernar en Austria

O voto por correo (14% do censo) determinará o gañador dunhas eleccións nas que o candidato dereitista logrou o 51% dos apoios fronte ao 48% do candidato dos Verdes.

austria ultradereita

O escoramento de parte poboación europea cara a posicións de extrema-dereita tivo este domingo en Austria un novo capítulo. O candidato de extrema-dereita, Norbert Hufer (FPÖ) logrou na segunda volta das presidenciais o 51,5% dos votos mentres que o seu rival, Van der Bellen (Os Verdes), atinxiu o 48%. O voto por correo, que representa case o 14% do censo, vai ser determinante. Son 750.000 papeletas que se van recontar esta segunda feira e que inclinarán a balanza definitivamente cara un dos dous candidatos. Os analistas da prensa europea confían en que ese voto sexa maioritario cara Van der Bellen, un 'verde' moderado que para esta segunda volta recibiu o apoio do diverso espectro social preocupado por unha chegada ao poder do FPÖ. Mais semella que non foi abondo.

A primeira volta, a finais de abril, xa deixou fóra de xogo os candidatos dos dous partidos tradicionais da política austríaca, socialdemócratas (SPÖ) e conservadores (ÖVP). Ambos os dous estiveron coligados estes anos no goberno, deixando así a oposición en mans da extrema-dereita, que aproveitou a crise económica e a dos refuxiados para tecer un discurso anti-inmigración e demagóxico que foi captando cada vez máis apoios e cada vez en caladoiros máis variados.

O FPÖ non é un recén chegado. Naceu hai máis de medio século, na década dos 50 do século XX; cun discurso moi próximo ao nazismo. Tampouco é un partido que chegue sen experiencia de poder. Ten gobernado cidades e, en 1999, após lograr o 27% dos votos, conformou goberno en Austria cos conservadores. Nese executivo, o vice-chanceler foi do FPÖ. O carismático lider deste partido, Jörg Haider, faleceu en 2008 nun sinistro de tráfico.

Comentarios